Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: David Cortizo

David Cortizo

1.– Principal trazo do seu carácter?
-Supoño que sentido do humor. Son, tamén, bastante tranquilo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-Se cadra o mesmo, sentido do humor, e tamén sinceridade. No entanto, esta última nas doses xustas.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que se lembren de min cando precisen axuda.
4.– A súa principal eiva?
-Son despistado, lacazán e desleixado mais fago o posíbel para que ninguén se decate.
5.– A súa ocupación favorita?
-Ler (e falar).
6.– O seu ideal de felicidade?
-Vivir sen preocupacións.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Ser o responsábel desa desgraza.
8.– Que lle gustaría ser?
-O que son (e quen son) agora mesmo está bastante ben.
9.– En que país desexaría vivir?
-Nunha Galiza dona da súa soberanía (e onde os galegos saiban o que son e non o que lles din que son).
10.– A súa cor favorita?
-Seica é o verde (esa me asignan as miñas fillas).
11. – A flor que máis lle gusta?
-A que medra libre no campo.
12.– O paxaro que prefire?
-O que voa ceibe no ceo.
13.– A súa devoción na prosa?
-Hai moito onde escoller, pero por dicir só un e achegarme ao termo devoción: Agustín Fernández Paz.
14.– E na poesía?
-Non son moito de poesía. No entanto, o colega Paco Macías recomendoume hai un tempo ler a Rosalía Fernández Rial e acho que con moi bo criterio.
15.- Un libro?
Crime e castigo.
16.– Un heroe de ficción?
-Usagi Yojimbo, o coello samurai da BD de Stan Sakai.
17.– Unha heroína?
-Nausicaä, a princesa do Val do Vento do filme de Hayao Miyazaki.
18.– A súa música favorita?
-Case que todas as variantes do metal son do meu gusto, especialmente o Rap Metal de Rage Against the Machine.
19.– Na pintura?
-Ultimamente gosto moito do traballo de Leandro Lamas.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Calquera que sacrifique parte da súa felicidade en favor da dos demais.
21.– O seu nome favorito?
-Adoito gustar dos nomes en función da xente que aprecio, se tivera que dicir algún diría Lucía e Marta.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A prepotencia.
23.– O que máis odia?
-O abuso de poder.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Medrei sentindo noxo por Manuel Fraga, mais acho que non é nin figura nin histórica.
25.– Un feito militar que admire?
-Penso que ningún feito militar é digno de ser admirado.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Ter unha saúde de ferro estaría ben.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Nun filme de Hayao Miyazaki, rodeado dos meus, despois de dar a miña vida por un mundo mellor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Adoito estar sempre de bo humor.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Non adoito fixarme nos defectos dos demais (se acaso podo axudar a corrixilos).
30.– Un lema na súa vida?
-Non son moito de lemas e frases feitas. Porén, xunto a unhas amizades, coñecín uns Lema en Vimianzo (no día de defuntos) que, cando penso neles, vénseme á cabeza a frase “vive e deixa vivir”.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 2 Xaneiro 2015 por en Divulgación,Literatura galega,Tradución , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: