Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz

A viaxe de Gagarin

Xerais, Vigo, 200 páxinas, 16 €

Ler A viaxe de Gagarin é un galano que ben debía aproveitarse por todo o que ensina e polo ben escrita que está. Fernández Paz ofrece aquí un feliz compendio dalgúns trazos que caracterizan a súa escrita, isto é, o que fai da súa obra un manantío de fluidez narrativa, atento sempre a esculcar no fondal da memoria, individual e colectiva, desde as instancias dunha ampla documentación filtrada con habilidade. Ademais, non faltan esas presenzas,  marcas de autor,  como a singular relevancia que sempre adoptan os libros, a música ou o cine, co amor e os afectos como o único capaz de resistir “a corrosión do tempo”.

         Non se acredite que a novela é unha simple reescritura doutras pezas anteriores. Moi ao contrario: o célebre voo do cosmonauta Gagarin á órbita da Terra é o motivo que serve para conquistar, día a día, esoutro territorio que persegue Miguel, alcumado “Gagarin”, quen devece por albiscar outros horizontes máis amplos e distintos. Velaquí, así pois, unha engaiolante novela de formación onde a evolución do protagonista e a descuberta dos segredos da familia posibilitan apalpar o contexto social e político dun tempo marcado pola ominipresenza do aparato represivo que simbolizan, por exemplo, as actuacións do TOP ou o labor da chamada Brigada Político Social. Hai moito máis nesta novela e eu convido, desde aquí, a descubrilo.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 2 de xaneiro de 2015, baixo o título de “Sen memoria non somos ninguén”, nun espazo onde as críticas e críticos do suplemento escolleron algún dos libros máis salientables de 2014.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: