Manuscritos: Francisco Añón

Froito da colaboración que establece xenerosamente a Fundación Penzol con este blogue, para divulgar algúns dos seus fondos bibliográficos manuscritos, ofrécese aquí un poema manuscrito de Francisco Añón (1812-1878).  Para recabar algunha información sobre a composición “Alma en pena”, ou tamén coñecida como “A pantasma“, vistas as dificultades que presentaba o orixinal para a súa lectura e interpretación decidín acudir a Ramón Blanco, profesor, poeta e salientable investigador sobre Añón que sistematizou  unha mostra do seu saber oceánico sobre este poema. Coa autorización do autor de Emily on the road, comparto abaixo boa parte das súas reflexións pois axudan a entender cabalmente a composición, tanto a súa intrahistoria como a súa peripecia ecdótica. Beizón, ao profesor Ramón Blanco pola súa estimable lección.

 

Moitos textos de Añón foron herdados por Gerardo Campos Ramos (Vigo, 1885-1964), fillo de Eduardo Campos Añón (que era sobriño-primo do poeta). Gerardo Campos entregoulle os manuscritos ao seu amigo Xosé Mª Álvarez Blázquez, quen á súa vez llos vendeu en 1968 á Fundación Penzol. O propio Álvarez Blázquez foi quen catalogou os fondos na Penzol (ignoro se houbo recatalogacións posteriores). Entre eles había un “Album de Poesías de E. Campos, Madrid, 13-I-1862”, un caderniño de 109 páxinas, considerado “apógrafo”, que puido transcribir o primo de Añón, Eduardo Campos, ou ben outra persoa para el. Aí figura o poema “Alma en pena” (pp. 43-47), e Bel Ortega usa esta versión como modelo para a edición (tal como explica na p. 305):

Esta composición “Alma en pena” aparece en “manuscrito original, muy corregido”, segundo catalogación dos F.F.P., feita por D. Xosé M.ª Álvarez Blázquez, e ten moitas tachaduras, polo que se fai ilexible; figura na carpeta 7-3 de ditos fondos, sen lugar, nin data, nin firma. Aparece tamén en manuscrito apógrafo con este mesmo título, coa firma de “F. A. de Paz” no “Album de Poesias de E. Campos, Madrid, 13-I-1862”, onde figura a continuación do poema “A mi querido primo Eduardo Campos”, datado éste en “28-IX-1859”; polo tanto podemos datar dita composición, situada entre as páxs. 43-47 do “Album” enriba nomeado de onde facemos esta transcripción, entre os anos 1859 e 1862. Publicouse co título de “A PANTASMA” en “El Heraldo Gallego” de Ourense do “20-V-1878”, páxs. 220-221, e tamén no “Faro de Vigo do 25-V-1878”, co mesmo título. Figura na Ed. da Concordia co título: “A ALMA EN PENA”, sen lugar nin data, páxs. 35-37. Co título de “A PANTASMA” figura no Índice do periódico “La Noche do 18-V-1946” que fai referencia ó folletín do Tambre, da que non dispoñemos. Publicouse tamén na revista “La Ilustración Gallega y Asturiana do 18-IV-1880”, páxs. 141-142, co título: “Á PANTASMA”, e figura tamén na Ed. de M.S. co título de “A PANTASMA”, sen lugar nin data, páxs. 57-60.

Deste xeito, Bel Ortega edita o texto co título “Alma en pena”, pero, polo dito, coido que o texto non é o mesmo que ti manexas (que sería, penso eu, aqueloutro manuscrito cheo de correccións e tachaduras do que se fala). Aínda así, podes comprobar que o texto ofrecido na edición de Bel Ortega (pp. 305-310) é coincidente co que ti me amosas, co cal un pode ser copia do outro. Tendo en conta que Bel dispoñía dos dous textos, non me queda claro se realmente renunciou a ter en conta o poema que ti presentas pola dificultade de interpretación ou porque se decatou de que era coincidente co incluído no caderno de Eduardo Campos (non o mirei con sumo detalle, mais cotexando por riba o que publica Bel -extraído do álbum- co que ti tes, só puiden apreciar algún cambio mínimo: “marabillo”? vs. “maravillo”, “quen o pensara” vs. “quen o pensase”; que mesmo poderían responder a erros de copista.

En calquera caso Bel Ortega nin sequera ten en contra o outro texto (como digo, coido que o que ti me ensinas) á hora de mencionar as variantes, pois, como el dicía: ten moitas tachaduras, polo que se fai ilexible. Si ofrece as variantes das outras versións (a excepción da do folletín publicado en 1879 no periódico noiés El Tambre por non dispoñer dela): El Heraldo Gallego (o que dirixía Valentín Lamas Carvajal en Ourense), Faro de Vigo (coido que José María Posada, amigo de Añón, estivo entre os fundadores), La Concordia (este periódico vigués publicou en folletón póstumo algúns poemas de Añón no mesmo ano da morte, 1878), La Ilustración Gallega y Asturiana (coido que dirixida por Murguía en Madrid) e mais o libro coas Poesías de Añón publicado na Coruña en 1889 por Andrés Martínez Salazar.

[Respecto do título] Navaza fai notar que o título da composición era “Alma en pena”, antes de 1862 e di que talvez Lamas Carvajal fose o responsable desta mudanza na revista El Heraldo Gallego: “Añón non a titulaba así e talvez na Serra de Outes, como hoxe, se dixese fantasma, con f-“. De feito todas as versións que coñezo, incluso as que teñen como título “A pantasma”, manteñen nun dos versos “aquel pantasma”, en masculino.

[No que se refire] á data de composición e mesmo á publicación, Manuel Murguía deixou un testemuño que non coincide co publicado por Bel Ortega. Na necrolóxica que publica Murguía o 15-VI-78 en La Ilustración de Galicia y Asturias, en alusión ao contexto provincialista di:

(…) testigo de aquel glorioso y activo movimiento, Añon que se sentía con fuerzas para mezclar su voz y su inspiracion con las demas voces y las demas inspiraciones, dió á luz en la Aurora de Galicia su poesía titulada A Pantasma, que es la mejor, más correcta y más acabada de sus composiciones (…). Unhas liñas máis adiante di Murguía que “Poco tiempo despues de publicada esta poesía abandonó Añon á Galicia“, mais non (segundo el) por participar nos sucesos de 1846.

[O propio Ramón Blanco publicou] que Añón marchou a Lisboa pouco despois de escribir este poema (seguindo a Murguía), e a primeira estadía en Portugal puido prolongarse de 1846 a 1850; porén, non puiden comprobar se efectivamente o poema se publicara xa en La Aurora de Galicia, e nalgunha ocasión dei por boa como primeira aparición pública a data de 1878 (en El Heraldo Gallego) que forneceu Bel Ortega, aínda entrando en contradición co expresado por Murguía. Parece lóxico que o poema fose publicado con anterioridade a esa data, e que o escollesen como representativo do autor defunto á hora de facerlle a homenaxe. No teu correo preguntabas se editara eu este texto, e si o fixen, mais limiteime a seguir o (discutible) corpus fixado por Bel Ortega, e, por non saber outra, puxen como primeira publicación e data a de 1878 en El Heraldo; o texto base de Bel (e polo tanto o que eu edito), como xa sabes, non parece ser este, senón o do Álbum de E. Campos, polo que a variante que ti manexas penso que fica inédita.

Tamén seica o poema está baseado en feitos reais. No artigo “Breves notas sobre Añón” (Boletín 309-320 da RAG, 1956), Manuel Fabeiro escribe: 

La razón de escribir este poema, fué la siguiente: “Un joven de Carballa da Coba”, lugar cercano al del poeta, se hallaba amancebado con una buena moza, su vecina. (No sabemos si a ello se vieron obligados por la intransigencia de sus padres, como ha sucedido en varias ocasiones, o por razones de diversa índole. Cuando fué, como buen cristiano, a confesarse a fin de cumplir el precepto pascual, el sacerdote le conminó a abandonar su vida de depravación y romper los vínculos inmorales que le unían a aquella mujer. Al manifestar que esto era imposible, pues existía un “algo” que le ataba inexorablemente a la muchacha, el señor Cura (humorista y “sabido” cual un abate francés) le recomendó, como medio más eficaz, el conseguir en el Cementerio un hueso de la fosa común, que debía acompañarle constantemente. Temeroso de hacerlo y convencido de que el pecado era grave para merecer sacrificio de esta clase, abandonó su vida inmoral y la mujer que tiranizaba sus sentimientos. Añón lo supo, y aunque no se sujetó a la realidad de los hechos, fluyó su pluma una de las mejores poesías de nuestro idioma”.

 

1 Comment

Os comentarios están pechados.