Vén sendo case unha obriga realizar neste blogue un exercicio de recordación da figura de Castelao e fágoo agora cando mañá se cumpre o seu sesenta e cinco cabodano. Nesta ocasión recollo nun extracto as reflexións sobre o seu proceso de canonización e mais sobre a súa adscrición política, apuntando á diferenciación semántica entre galeguismo e nacionalismo, subscritas por Celso Emilio Ferreiro na publicación Mundo (nº 19.866, 27 de marzo de 1976) onde viu a luz un artigo do celanovés baixo o título “Castelao, Vivo”; tamén o fago desde a convicción de que existe un traballo aínda por facer que é o da recolla de artigos e outras intervencións de carácter político que Celso Emilio deu a coñecer desde a época da Federación de Mocedades Galeguistas, que el mesmo contribuíu a transformar en Federación de Mocedades Nacionalistas, ata os seus últimos anos.
Complemento o apuntamento cunhas fotografías que puiden rescatar, realizadas hai un par de anos, tanto do Centro Galego de Bos Aires como do cuarto hospitalario dependente desta institución onde Castelao faleceu e que se mantén intacto desde aquela: unha iniciativa da que non coñezo caso semellante en ningures.
O desfavor máis grande que se lle pode facer a Castelao é tratar de canonizalo na beatitude do inmovilismo, convertíndoo nunha figura de museo. E si a entronización está feita deliberadamente coa intención de trocalo nun híbrido político, por enriba do ben e do mal (léase esquerdas e dereitas), para non inquedar a dixestión dos pequenos tendeiros folkloristas, entón o desfavor transfórmase nunha alcatreante treiduría. (...)
En pirmeiro termo hai que decir que Castelao non era un simpre galeguista, sinon un nacionalista galego, cousa un pouco diferente. A palabra galeguismo, como outras moitas verbas (libertá, democracia, socialismo, etc.) que noutrora tiveron un siñificado moi concreto, ten agora a semántica deturpada por o uso i o abuso dos falsificadores, e presenta un senso cada día menos efectivo e máis equívoco. Galeguista, por exempro, é Fraga Iribarne cando afirma que a lingoa galega “es un idioma tan español como el castellano”. Tamén Franco, a súa maneira, é galeguista cando se toma o traballo de ir dende Meirás a Sada pra saborear, a dedo, unhas “enxebres” sardiñas asadas.
Bonita homenagem a Castelao, Ramón Nicolás. Coincidentemente, eu me sinto ‘Sempre en Galiza’. Abraço do Brasil.
Obrigado e um abraço!