Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Galleira Passport, de Luís Menéndez

O XORNALISTA LUÍS MENÉNDEZ OFRECE UNHA CUMPRIDA E SUXESTIVA CRÓNICA DAS SÚAS VIAXES POLO MUNDO ONDE A TRANSPARENCIA EXPOSITIVA NON OCULTA NIN A CAPACIDADE DE SORPRESA QUE NUNCA SE DEBE PERDER NIN TAMPOUCO UNHA VISIÓN IRÓNICA MOI DE AGRADECER

 Luís Menéndez

Galleira Passport

Alvarellos * 243 páxinas * 19  €

No frontispicio deste libro figuran catro citas que chegan  da man de Castelao, Kapuscinski, Eugénio Tavares e do meu querido poeta Manuel Luís Acuña: con estes compañeiros de viaxe difícil sería que defraudase e, sen dúbida, tras a súa lectura, confirmoume as mellores expectativas. O termo “Galleira”, que vén sendo Galicia na fala gremial dos afiadores, resulta operativo para que Menéndez explicite unha homenaxe á caste ourensá que saíu a gañar a vida e a “reinventarse” dalgún xeito como sinala Manuel Rivas nunhas fermosas páxinas limiares. Nesa liña sitúase Galleira Passport: crónicas viaxeiras -literatura á fin e ao cabo- que se benefician da experiencia profesional do autor –a edición incorpora un código “QR” que posibilita o acceso directo a series da TVG que xeraron estas viaxes- e que translocen unha apaixonada defensa do multiculturalismo a través dese serpear viaxeiro por vinte e seis países articulado en tres cumpridas travesías: lusas –de tanta querenza para min-, celtas e orientais.

       Menéndez non deixa só nestas páxinas, e nas fotografías que se incorporan, un mangado de impresións arredor dos países visitados, das xentes que os poboan, da impresión que nel deixaron as paisaxes que descubriu ou as persoas que tratou e que tantas veces entrevista con enxeño e naturalidade: de seu isto sería abondo pero, ademais, un dos engados do libro repousa no discurso fluído que transita  entre a propia realidade e a fabulación, onde tampouco non falta unha perspectiva irónica que outorga certo distanciamento preciso respecto daquilo que se conta, e que se conta tan ben. Oxalá estas crónicas gocen dunha feliz singradura.

Baixo o título de “Crónicas indispensables” publicouse esta recensións nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 9 de xaneiro de 2015.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: