Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Centenario do P. Xaime Seixas

Hai algunhas datas sinalei aquí mesmo algunhas das efemérides que nos trae este 2015. Entre elas omitín facer referencia a unha delas, sendo coñecedor -logo dunha conversa con Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol-, de que se cumpría o centenario do nacemento do P. Xaime Seixas Subirá. Talvez porque pesou en min pensar máis no trato persoal que mantiven coa persoa que a propia obra escrita, neste caso de ensaio e investigación, aínda que se cadra o seu legado sexa outro.

    Particularmente gocei dun trato breve, pero intenso, co P. Xaime Seixas e sempre terei presente tanto a súa defensa indisimulada pola lingua galega como a recorrente divulgación dun ideario progresista, democrático e fortemente imbuído por conceptos solidarios, sobre todo co mundo obreiro do que sempre se sentiu moi próximo.

      Falaba, a miúdo, do que se ocultaba e non saía á luz  pública ao noso carón e mais tamén da realidade que poboaba o universo dos menos favorecidos e máis empobrecidos alén das nosas fronteiras, nun discurso que sempre suscitaba e promovía o espírito crítico e a reflexión. A súa achega máis coñecida encérrase no traballo pioneiro, guiado por certo criterio diferencialista respecto dos nomes en castelán,  que se publicou baixo o título de 400 nomes galegos pra homes e mulleres (1977), un verdadeiro éxito de vendas no seu tempo ao fío da Lei do 4 de xaneiro de 1977 que permitía a imposición de nomes propios no estado español que non fosen unicamente en castelán.

      Un libro que recolle parte da súa biografía é Conversas do Pai Xaime Seixas con Silvestre G. Xurxo (SEPT, 1985) e un máis recente, de Manuel Cabada e no mesmo selo editorial,  baixo o título de O Padre Seixas desde dentro. Unha aposta progresista, galeguista e universalista, do que se nada pasa máis adiante me ocuparei. Sei tamén que a Fundación Penzol prepara algún recoñecemento neste ano para o P. Seixas: benvido sexa!

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: