Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento.
Edicións Xerais, Vigo, 440 páxinas, 25 €
Continuidade dun meritorio proxecto que aínda ten que se completar con dúas entregas máis, este volume intérnase no período que vai de 1853 a 1916, isto é, no chamado “Rexurdimento”. Atento ás grandes figuras, mais tamén ás escurecidas, ofrécese un discurso sen opacidades no que, alén de dialogar e rebater con outras voces, insire a creación desta época nunha análise onde se repara na sorte que correron a lingua, a sociedade, as ideoloxías e o contexto histórico xeral, isto é, literatura galega entendida como un sistema. Ao meu ver, imprescindible.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 9 de xaneiro de 2015, baixo o título de “Pintos, Rosalía, Curros e máis”.