Manuel Veiga: “As vivendas de Fenosa, símbolo de Vigo” (O recanto das horas, V)

   Fotografía ©Anxo Cabada

 

O recanto das horas é un proxecto interartístico que pretende xuntar un texto literario creado ad hoc, inspirado nas evocacións que un espazo determinado é quen de xerar nunha escritora ou escritor, e unha imaxe fotográfica, realizada ao fío desa proposta textual por Anxo Cabada.

Serie: “O recanto das horas”.

Cidade: Vigo.

Texto:  “As vivendas de Fenosa, símbolo de Vigo”.

Autoría: Manuel Veiga

Fotografía: Anxo Cabada.

Espazo: Travesía de Vigo

 

As vivendas de Fenosa, símbolo de Vigo

As vivendas de Fenosa de Vigo eran e son o meu referente estético e arquitectónico da cidade. Na adolescencia percibín moi pronto –por suposto sen ningún razoamento que puidese acompañar aínda esa percepción– o que tiñan de diferente, de moderno, algo co que me identificaba, con esa facilidade que quizais teñen os nenos para entender o contemporáneo.

         É certo que sen o coñecemento da historia resulta difícil valorar as novidades, pero supoño, que, visto doutra forma, un neno ou un rapaz son capaces de intuír as que serán as compañías estéticas do resto da súa vida. Sen tradición e sen memoria, pero tamén sen inercias nin outros condicionantes negativos, a mocidade é, moitas veces, como se sabe, a que descubre as novas linguaxes, as máis adecuadas ao mundo no que a ela lle tocará vivir.

         Vigo, nos anos setenta, era para min, antes que nada, a imaxe deses bloques altos, longos e ao mesmo tempo de aspecto leve, case lixeiro, a pesar da enorme masa de formigón que evidentemente contiñan. Non colocados en liña, senón de modo alterno, conseguían iso que os artistas chaman ritmo. Entrando na cidade, desde Pontevedra, un vía aquelo e supuña que Vigo era algo distinto a todo o que o rodeaba.

        Hoxe, que son capaz de observar os obxectos con maior compresión, admiro eses volumes, esas pezas rectangulares e planas. Lonxe de provocar no que mira unha sensación de abafo, o seu limitado ancho, permite velas como láminas que, ademais, levan incorporadas multitude de xanelas, a diversas alturas, como un cadro de Mondrian, como a exaltación do espazo xeométrico, de toques irregulares, que funda unha das pólas principais da arte moderna.

As Vivendas de Fenosa son arte non monumental, non ostentosa, non figurativa, senón práctica, cómoda, sinxela, empírica, a que permiten as novas técnicas industriais.

        De feito estes edificios foron concibidos para aliviar a grande escaseza de vivendas, sobre todo para traballadores, que o país padecía naquel momento. Os edificios de José Antonio Corrales e Joaquín Basilio Bas conseguían aforrar materiais, tempo e traballadores e, polo tanto, custos. A primeira planta construíuse baixo a dirección de persoal sueco que incorporou, por primeira vez no noso país, o novo sistema de formigón deslizante. Durante a feitura do segundo andar, os suecos xa só estiveron de observadores e, a partir do terceiro, foron Corrales e Bas os que dirixiron por completo a obra.

       As Vivendas de Fenosa de Vigo constitúen así un dos mellores exemplos cos que contamos de funcionalismo arquitectónico. A súa importancia vén dada tamén pola data da obra, inaugurada en 1963. Trátase dunha das poucas ocasións nas que a nosa arquitectura estivo practicamente en sintonía coas correntes internacionais máis modernas.

         O fascismo trouxera o seu estilo imperial, antes e tamén despois víramos o estilo clásico. Corrales e Bas foron revolucionarios desde o punto de vista práctico e estético, pola súa modernidade global, nunha época nada favorábel aos atrevementos.

          Hoxe aínda, contemplando iso que benevolamente chamamos eclepticismo dos novos edificios da rúa Rosalía de Castro ou o macizo de bloques que amuralla, sen ningunha posibilidade de beleza visual, as longas rúas de Torrecedeira ou da Travesía de Vigo, na que se encontran as propias Vivendas de Fenosa, construídas na mesma época, non podemos menos que recoñecer aínda mellor os seus méritos.

          Os premios que, nos últimos anos, recibiron, entre eles o do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza (COAG), supoñen para min a confirmación das miñas primeiras intuicións, pero tamén algo máis, a esperanza de que a cidade comece a verse representada nestes edificios que, en certo modo, nos achegan á estética moderna dos países do Atlántico norte.