Premios Fervenzas Literarias 2014

Un dos marcadores que sinalan a apertura do período no que cómpre valorar as publicacións e outras iniciativas do ano que pasou é a convocatoria na rede que Fervenzas Literarias organiza desde hai algúns anos. Un traballo intenso e esforzado que cómpre agradecer e que se converteu, por dereito propio, nunha iniciativa agardada e visibilizadora do noso sistema.

    Particularmente teño que reiterar a miña gratitude pola atención que se lle dispensou a este blog, alimentado por persoas  individuais que colaboran con tanto entusiasmo nas diversas seccións, por fondos de institucións como os da Fundación Penzol, por colectivos como unha parte significativa das libreiras e libreiros do noso país, pola constante atención que os máis dos selos editoriais galegos sempre me prestan. Non esquezo o apoio incansable en novos proxectos que me brinda Anxo Cabada e mais a imprescindible e xenerosa axuda técnica de Lucía López Bayo. Así todo é máis doado.

     Agradezo asemade a valoración que se realizou nesta convocatoria do meu traballo noutras ordes e aproveito a ocasión para estender os meus parabéns á totalidade de traballos, iniciativas e persoas galardoadas nas diversas categorías. Grazas!