A “causa Lueiro”: 2015-2016

Ocupeime reiteradas veces neste blog, e noutros lugares, da figura de Lueiro Rey en virtude dun monllo de razóns, entre as que forman parte o agarimo e a confianza que os seus herdeiros sempre depositaron en min. Agardo seguir por esta ruta ao longo deste ano e mais do seguinte; se cadra con maior recorrencia pois sigo a pensar que cómpre poñer en valor a relevancia dunha obra que aínda  precisa ser revisada e, sobre todo, lida. Aínda máis neste ano que cadra co seu vinte e cinco cabodano, período previo ao centenario do seu nacemento que se celebrará en 2016.

     Ramón Rozas, implicado con xenerosidade na “causa Lueiro” -como tamén o está a xornalista Carme Vidal- publicou no Diario de Pontevedra un artigo que acaba de subir ao seu blog persoal. O texto titúlase “25 anos despois… un neno” e recomendo a súa lectura completa pois resulta, ao meu ver, unha acaída reflexión sobre algunhas das claves e as expectativas do universo Lueiro a día de hoxe, ao que engade palabras ben ponderadas sobre ese marabilloso libro que é Non debían medrar. Grazas por lembrárnolo.