Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Manuscritos: Sabela González (e II)

En novembro de 2013 incorporaba neste blog un apuntamento no que Sabela González compartía reflexións sobre o seu particular proceso creativo e, ao tempo, reproducíanse algunhas imaxes que as ilustraban.

      A través de Biblos advirto que está a piques de comezar a se distribuír agora a segunda entrega da triloxía fantástica As crónicas de Landereina baixo o título de Feitizo de Lúa e entendo que é bo momento para completar aquela primeira entrega dos seus manuscritos. Reproduzo, así pois, parte das súas reflexións que complementan as que xa coñecemos:

Sempre levo un caderno (ou dous) no bolso e a pluma (ou o boli de turno, ás veces) para tomar notas en canto me vén algo á cabeza. Gústame aproveitar as cafeterías que teñen esa acolledora atmósfera amarelenta (imaxina a escena chovendo fóra, gaña puntos sempre) e intento chegar antes de tempo cando quedo con alguén para que me dea tempo de apurar uns trazos ou unhas liñas.

Logo, na casa, as cousas pasan de verdade fronte ao ordenador. Os poemas do meu blog adoitan nacer xa na ferramenta web, pero os textos longos e as ideas pasan polo procesador de textos, aínda que teñen tamén un sitio na “nube”: nunca se sabe cando se ten un anaco para revisar, anotar ou continuar unha historia, e eu sempre teño algún trebello conectado á man.

Como pasa con todo, supoño, hai días que os parágrafos, xa non as liñas, nacen na folla cunha facilidade incrible. Axuda tamén a velocidade ao mecanografar, para que as letras vaian tan rápido coma as ideas (unha capacidade gañada nos meus anos de tradutora, supoño). Logo hai días nos que non nacen nin as palabras máis sinxelas e o teclado semella un piano mudo, exasperante, cruel… Eses días, abandono a pantalla, collo o papel, e os meus cadernos veñen ao rescate.

          Abaixo reprodúcense en primeiro lugar un dos primeiros mapas que a propia autora fixo á man; logo un dos comezos que realizou para o primeiro volume da triloxía (sen ter en conta o prólogo, que se escribiu con posterioridade) e, por último, primeiras (ou segundas, segundo nos indica Sabela González) notas sobre a escena dos tres irmáns. Moitas grazas á autora pola colaboración!

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: