Manuel Núñez Singala retrata, desde o humor e a parodia, o universo das contradicións humanas e, ao tempo, como adoitamos encaralas desde nós
Instrucións para tomar café
Galaxia, Vigo, 144 páxinas, 13,50 €
Velaquí un monllo de relatos talvez inspirados, como fai pensar o título deste libro, naquel modelo que Julio Cortázar fixo célebre cando explicaba como subir unha escaleira ou como darlle corda a un reloxo. Todos eles, ademais, insírense nunha tradición do que se podería chamar “micronarrativa”, homenaxeando por unha banda voces que van de Castelao a Dieste mais tamén aqueloutras que se quixeron achegar, conscientemente, á narrativa dominada polo humorismo e o enxeño como a que se encerra en propostas de Afonso Álvarez Cáccamo ou de Gonzalo Navaza.
Desde este horizonte Núñez Singala aposta empregar a subversión como recurso pois nada é o que parece. Asegura conter o volume un libro de “reclamacións” e outro de “estilo” –onde a ironía visita cuestións de corte máis lingüístico-; un máis de “instrucións” –con momentos espléndidos- e un de “contos”, talvez o único que, en parte, transita polo que se agarda mais onde salienta esa visión decididamente paródica co pouso que deitan algúns dos relatos inseridos na tradición dos contos fantásticos. Na totalidade dos relatos, iso si, o autor é quen, no ámbito da incerteza e do inesperado no que se move, de alimentar a esculca nas contradicións da condición humana, por un lado, mais tamén naquelas que atinxen especificamente á nosa propia condición de galegas e galegos.
Verifícase, así, que o humor é algo moi serio: o que en primeira instancia promove a hilaridade erixe, a pouco que se repare, chanzos de reflexión moi operativos para pór en práctica algo ben saudable como é deterse para nos ver nun espello, literario neste caso, que devolve a imaxe de como somos.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 23 de xaneiro de 2014 baixo o título de “O que somos, desde o humor”.