Memorial e danza, de Francisco Cortegoso

Francisco Cortegoso

Memorial e danza

Espiral Maior, Culleredo, 56 páxinas, 11,50 €

 

Aparecen, devagar e como é natural, novas voces no panorama da poesía galega e iso sempre resulta sempre gratificante. Aínda máis, se couber, cando algunhas delas brillan con forza propia deseñando os primeiros pasos dun camiño que resulta doado conxecturar como esixente,  singular e radicalmente intenso.

      Isto ocorre, ao meu ver, con este Memorial e danza de Francisco Cortegosopremio de poesía Xosemaría Pérez Parallé o pasado ano por un xurado constituído por Ramón Blanco, Olalla Cociña e Marisol Gándara Sánchez, e que publicou hai uns meses Espiral Maior. Cortegoso, que no 2008 publicara algunas composicións naquela Revista das Letras coordinada por A.R. López e M. Dopico,  apuntou no discurso de aceptación do premio dúas afirmacións que, ao meu xuízo, resultan operativas e acaídas para se achegar cabalmente a este volume, e que parafraseo: “a linguaxe serve para dar voz ao inmemorial” e resulta posible “sermos parte dunha ruína anterior que xoga como representación do acontecer dun sistema ou estrutura en crise”.

     O manexo confluente da linguaxe, sempre áxil, que nos leva ao espazo onde repousa a memoria e o mais un patente convite ao movemento, ao cambio e á mudanza nun contexto como o presente, do que non se evade nin ignora, ordena os poemas de Francisco Cortegoso abrazando de seu unha estética na que, asumindo paratextos orientadores de Ted Hughes, do marqués de Sade, de Mallarmé ou de Jean Cocteau, non é difícil advertir certas pegadas de modelos fornecidos pola poética de Chus Pato, por só citar un exemplo.

      Memorial e danza, así pois, inaugura unha presenza que entende o discurso poético como algo alicerzado na necesidade de aprehender as cousas, as que están presentes e aquelas que sitúan nas marxes, aparentemente ausentes pero latexantes.