Cadran no tempo tres publicacións, todas elas reedicións, que ao meu xuízo non deberían pasar desapercibidas, malia se tratar de obras ben coñecidas, mesmo dalgún xeito populares, pois alén da relevancia que supón volver poñer en circulación estes volumes presentan, cada unha delas, achegas concretas que, non teño dúbida, as deberían facer atractivas para o lectorado galego. Paso a debullar en síntese as singularidades que presentan cada unha destas obras.
Comezo pola colectánea de relatos, de longo percorrido editorial, que Xosé Neira Vilas publica en Galaxia baixo o título de Lar-Nai-Pan, bautizando esta edición cos títulos orixinais con que os tres libros viron a luz e que noutras edicións anteriores se dispuxeran baixo a denominación de Charamuscas (1993). Hai xa ben de anos recensionara este último título e manifestara alí a miña devoción por esta prosa limpa, sinxela e emotiva do autor de Gres, xuízo que hoxe manteño. A novidade da edición, alén da magnífica imaxe da cuberta tirada do mural “Figuras esperando” de Luís Seoane, consiste na inclusión dun cd que reproduce a lectura que dos contos incorporados en Nai realiza a actriz Uxía Blanco: un verdadeiro agasallo.
Continúo tamén por outra achega ben relevante como é a publicación, na serie “Biblioteca Blanco Amor” de Galaxia, da edición restaurada de Xente ao lonxe, sen dúbida unha das mellores e máis ambiciosas novelas escritas en lingua galega no século XX. O labor do profesor Xosé Manuel Dasilva, como editor do volume e como responsable dun epílogo explicativo antóllaseme como brillante ao explicar polo miúdo a restauración que se realizou do orixinal que redactara Blanco Amor hai máis de catro décadas e, ao tempo, ao reparar na historia das mutilacións que a censura franquista operou nesta obra.
Conclúo cunha referencia breve á reedición dun libro que, dalgún xeito, marcou todo un tempo para a poesía galega contemporánea. Trátase, claro é, de Unicornio de cenoiras que cabalgas os sábados, do colectivo Ronseltz e sobre o que se deitou moita tinta no seu día e aínda posteriormente. Esgotada aquela edición do ano 1994, tamén Edicións Positivas pon unha nova edición en circulación que conta, asemade, cun prólogo do profesor Xosé Mª Dobarro que, baixo o subversivo e manuelantoniano título de “Libro de poemas para un prólogo que ninguén escribiu” agora se restitúe.
Aplaudo as decisións de acometecer estas reedicións con cadansúa novidosa achega. Boa andaina para as tres!