Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Coller as rendas, de Yolanda Castaño e Xosé Tomás

Yolanda Castaño

Coller as rendas (ilustracións de Xosé Tomás)

Xerais, Vigo, 40 páxinas, 11 €

 

Non é a vez primeira que  escritora e ilustrador colaboran en proxectos editoriais, ao meu xuízo con especial fortuna  e teño para min que este camiño compartido se beneficia ás claras en Coller as rendas, onde Yolanda Castaño articula un canto ao respecto, xustamente, tanto polos camiños que libremente cadaquén desexa escoller sen imposicións como polo devezo de compartir experiencias e soños. Os personaxes idéanse exhibindo esa querenza particular da autora que se explicita nas suxestións que posibilita o propio universo da natureza, descrito a través dunha orientación rítmica e rimática que entendo como un dos seus acertos. Como xa realizou noutras entregas de orientación semellante, Castaño deriva cara a un indisimulado protagonismo dos seres vivos designados polos termos non marcados -carrachas, escaravellas, berberechas…- que, xunto con outras e outros e a través dunha suma de golpes imaxinativos non exentos de enxeño, contribúen ao espallamento desa idea central que domina a entrega.

      Cómpre tamén subliñar, para finalizar, no que se refire ás ilustracións de Xosé Tomás, o acaído da súa lectura artística e a vontade explícita de plasmar o proceso de creación dos personaxes a través de bosquexos, o que articula ir advertindo visualmente como os protagonistas van cobrando vida de seu a través do uso das cores e da afinación dos trazos definitivos que os caracterizan.

    Unha feliz proposta, este Coller as rendas, á que lle desexo moitas lecturas.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: