Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A avoa adormecida, de Roberto Parmeggiani

A avoa adormecida (ilustracións de João Vaz de Carvalho, tradución de Xosé Ballesteros)

Kalandraka, Pontevedra, 40 páxinas, 13 €

 

Suxestiva, emocionalmente intensa e, ao tempo, marcada por unha determinante pulsión poética é esta proposta do escritor e educador  italiano Roberto Parmeggiani e ilustrada por João Vaz de Carvalho que Kalandraka edita baixo o título de A avoa adormecida. Aparecida no Brasil da man da Editora DSOP recrea, entre outros, o asunto da relación entre avós e netos, mais tamén o da morte, asumindo con habelencia e verosimilitude unha perspectiva narrativa que vén da man dun neno, quen desvela o  que para el significou atopar a realidade da enfermidade no contorno familiar e a perentoria  necesidade de contalo,  transmitindo así o proceso de asimilación do estrago progresivo da saúde da súa avoa ata concluír no final agardado.

    O autor, nesa dinámica descritiva que pon en boca do protagonista, bebe nas fontes da súa vida cotiá e faino con transparencia e fluidez e, empregando adoito un esquema acumulativo, non esquece inserir, con naturalidade e cando resulta preciso, acaídas doses de tenrura que alimentan esa relación entre o neto e a avoa, alicerzada, alén do agarimo, na lectura e na conversa, isto é, na palabra. A conclusión, que se resolve acudindo ao modelo  fornecido polo conto tradicional da Bela Adormecida, exhíbe un tratamento enxeñoso que, sen diminuír a percepción clara da ausencia e do baleiro emocional, amolece imaxinativamente, se couber, o que sen dúbida representa unha temática ben pouco recreada literariamente para idades temperás.

Advertisements

2 comentarios en “A avoa adormecida, de Roberto Parmeggiani

  1. robertoparmeggiani
    29 Xaneiro 2015

    Reblogged this on assomiglio a me stesso and commented:
    Grazie a Ramón Nicolás per la critica e per l’interessante lettura del mio testo!

    • Ramón Nicolás
      29 Xaneiro 2015

      Grazie a Roberto per un libro così favoloso e interessante!

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: