ColecciónAN. 69 poemas de amor, de Alfredo Conde

ColeccionANAlfredo Conde

ColecciónAN. 69 poemas de amor

Trifolium, serie Clea, A Coruña, 157 páxinas, 16 €

 

Trifolium estrea unha nova colección baixo o epígrafe de “serie Clea” e faino cun orixinal do escritor allaricense Alfredo Conde baixo o título de ColecciónAN. 69 poemas de amor. Con el testemúñase que a carreira iniciada polo autor co practicamente inatopable Mencer de lúas (Galaxia, 1968) non fica detido, xenericamente falando,  naqueles anos hoxe tan recuados, senón que seguiu transitando pola poesía como creador, aínda que este libro colleite, ao que parece, un total de sesenta e nove poemas recentes e inspirados na pulsión amorosa como se explicita no seu título.

      Poemas de amor, abofé que si e quen o dubida tras ler este corpus presentado con excelencia polas mans de Xan Arias,  mais ao tempo “amor” que se entende e estende como experiencia gozosa e pasional, ao meu ver, diante da propia vida, da existencia e cun pulo inesgotable que turra da vontade de vivir.  Amor que se achega a grandes topos como  ao vagaroso paso do tempo, por veces case tanxible, ou ao acougo que brindan algúns dos momentos cotiáns retratados. Coma se dun estado de ánimo se tratase os poemas percorren, e con certa recorrencia, as estremas dunha sorte de locus amoenus onde a presenza de elementos tirados do universo da natureza axudan, e non pouco, tanto á contextualización do sentimento – por veces marcado por certo hedonismo, en ocasións case báquico- como á vontade  de retratar os sons do silencio, a deseñar a percepción serena do acougo, á reflexión sobre o experimentado.

      Libro pragado de sutilezas este de Alfredo Conde, de sensacións avelaíñas e mainas, da procura de harmonías onde paira a vontade de apreixar sensacións compartidas con quen queira ser partícipe do sentido último do poema ou dos poemas. Unha atalaia que permite deterse -ben preciso é tantas veces- e “contemplar a vida”, reparar no “envés de tódalas realidades” e seguir a navegar singraduras compartidas.