«Breviario», en Biblos. Clube de Lectores. Revista Galega de Información Literaria, nº 72 (xaneiro-febreiro 2015)

A un, afortunadamente, non lle dan as horas do día para poder ler a totalidade do que o ano literario en lingua galega, en todos os seus xéneros, dá de si. Afortunadamente, matizo, pois isto significa que, malia as evidentes dificultades, seguimos a gozar dunha industria editorial exemplarmente resistente, cun número de novidades moi apreciable e, mesmo, á procura de solucións e propostas imaxinativas. Nin sequera un dá feito, no ámbito da creación en prosa, pero atrévome aquí, a xeito de balance, a recoller parte do que este pasado ano máis me convenceu na colleita de novidades estritamente narrativas para lectorado adulto.

     Dous galardóns literarios outorgados este anos chamáronme a atención positivamente e refírome tanto a Dende o conflito, premio Xerais, de María Reimóndez, como a Máscaras rotas para Sebastian Nell, premio García Barros, de Alberto Ramos. Respecto de ambas as dúas xa me pronunciei pero quero volver deixar aquí constancia da fortuna que significa poder acceder a estas dúas propostas tan ben construídas, tan solventes e con tantas garantías para calquera persoa que se achegue a elas, oxalá ambas as dúas teñan un longo percorrido pois ben o merecen. Atesouro esa mesma sensación coa primeira proposta literaria de Ramón Vilar, Os televisores estrábicos, que obtivo unha magnífica resposta no que atinxe ao lectorado e á crítica en xeral.

Alén da boa noticia que supón o retorno de Suso de Toro ao primeiro plano da actualidade narrativa, con Somnámbulos ou o de Alfredo Conde, con Chovida do ceo, títulos aos que engado a heterodoxa proposta de María Xosé Queizán titulada A boneca de Blanco Amor, cómpre non esquecer neste balance tanto a oportuna Olympia Ring, 1934, de Xabier López López como a magnífica novela de Agustín Fernández PazA viaxe de Gagarin– que, persoalmente, me pareceu un dos seus textos máis logrados.

No que di respecto dos libros de relatos resultáronme lecturas gratas, por ben ideadas e construídas, mais tamén por desasosegantes, dous títulos como As ilusións estrañas, de Antón Dobao e Hostal Norte, de Xosé Duncan, autor este último, ao meu xuízo, de interesante e suxestiva proxección no que supuxo unhas das sorpresas do ano literario á que engado o título Salseiros, de Suso Lista que pode ser o comezo dunha andaina narrativa diferente e que talvez poida dar máis de si no futuro. Por outro lado,   Os Gotten, de Afonso Álvarez Cáccamo, pareceume un dos libros máis divertidos entre os publicados o ano pasado e que pasou, ao meu ver e nunca entenderei as razóns, inxustamente desapercibido. Sorte parella correu, talvez, o título Nunha presa de terra, de Paco Castro Alvaredo: novela que a min me provocou un interesante reencontro con outra maneira de narrar bebendo das fontes da memoria e do propio país.

      Deixo para o final unha referencia para unha das propostas que máis éxito colleitou como foi Os contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, na que relata unha épica mariñeira propia ben merecente de proxección e difusión. Que veñan máis e que este 2015 nos traia outra boa e ilusionante anada de suxestivas lecturas.

2 Comments

Os comentarios están pechados.