Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Celso Emilio Ferreiro sobre a sublevación militar de 1936 en Galicia (vídeo)

Un amigo faime chegar un documento audiovisual que moito estimo. Trátase dun breve, pero significativo, fragmento tirado da participación de Celso Emilio Ferreiro nun documental titulado ¡Arriba, España!

      A devandita peza cinematográfica, dirixida por José María Berzosa, de 120 minutos de duración e estreada en Francia no ano 1976, baseábase nun  guión de Berzosa, Ramón Chao e  André Camp; incorporaba música de Luis de Pablos e fotografía de Aurel Samson e foi producido por Louis Moillon. Société Française de Production. En esencia, perseguía ofrecer, corenta anos despois de comezada a guerra civil, unha visión desta e das súas consecuencias e para isto ofrecía, alén doutros documentos gráficos e sonoros,  testemuños, en forma de entrevistas, a un número elevado de personaxes entre os que Celso Emilio se atopa a carón doutros, de ideoloxías ben desemellantes, como Enrique Tierno Galván, Jesús Suevos, Simón Sánchez Montero, José María de Areilza, Pablo Castellano, Antonio García Trevijano, Venancio Marcos, Julián Ariza ou  Marcos Ana.

     A participación de Celso Emilio, alén de se tratar ao meu xuízo dun documento audiovisual moi valioso, reitera -ao que sei- unha afirmación que o poeta de Celanova compartía a miúdo cando ollaba á sublevación fascista do 36, isto é, na súa opinión a existencia de institucións propias, feito adiado pola incompetencia de diversos gobernos da República, dificultaría que Galicia fose “unha presa doada para os sublevados”, coas consecuencias terribles que isto carrexou.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: