Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Marcelino Gómez Arias. Unha vida dedicada á loita pola República e o Agrarismo, por Perfecto Ramos Rodríguez

Perfecto Ramos Rodríguez

Marcelino Gómez Arias. Unha vida dedicada á loita pola República e o Agrarismo

Redelibros, Vigo, 2014, 460 páxinas, 24,50 €

 

 

Hai libros que son quen construír, con solvencia, unha cartografía,  neste caso vivencial, profesional e política dun personaxe  que pode resultar fascinante por intensa, singular e descoñecida. Isto faise mercé á férrea vontade de investir moitas horas de traballo e moito interese persoal pois só así  se consegue poñer no xusto sitio do mapa do coñecemento histórico e social a alguén que, case sepultado no esquezo, talvez non o merecía.   Neste grupo de investigacións cómpre integrar esta valiosa monografía sobre Marcelino Gómez Arias que vén da man de Perfecto Ramos. Precisamente eran as investigacións e o labor de difusión do especialista como se ía asomando algo do periplo vital e da actividade política de Marcelino Gómez Arias, sobre quen se abateu unha lousa de silencio que duraba, sen dúbida, demasiado tempo.

     O libro, elaborado con obxectividade e preciso rigor histórico, ofrece un completo compendio da obra dun autodidacta que abrazou a fe no Republicanismo e mais no Agrarismo, e que desenvolveu boa parte da súa actividade política por terras de  Crecente, alén de incorporar un completo percorrido pola súa biografía que comeza en Armeirín (Asturias), pasa por Uruguai, Arxentina e Portugal ata rematar en Angudes. Rescátanse, así,  con minuciosidade os pasos do biografado dos simplemente saliento dous momentos clave como son tanto a súa participación nun levantamento republicano en 1905 como a relevancia que depositaba na prensa, entendida como medio fundamental para espallar as súas ideas chegando a fundar diversos xornais como La España Moderna, El Clamor Español, Tierra Libre ou El Amigo del Pueblo. O traballo, así pois, alicérzase en diversos documentos exhumados e e na consulta de moita  prensa da época, operativa para elaborar ese perfil vital mais onde non esquece retratar a época na que viviu, alén de incorporar múltiples artigos que o republicano e agrarista escribiu, xunto con corpus apreciable de fotografías e rescatar, no epílogo do libro, o texto Revolución Uruguaya de 1904: unha proposta relevante que espella a visión de Gómez Arias sobre o que viviu no Uruguai e que relatou, non me cabe dúbida, con brillantez estilística.

     Recomendo, ás persoas interesadas, este volume, altamente informativo e, en boa medida, orientado cara á difusión da personalidade de Gómez Arias, mais tamén do tempo no que viviu. Como proba do que afirmo conclúo reproducindo un exemplo do caudal informativo que aquí se pode atopar e que, neste caso, se refire ás orixes dunha expresión popular aínda hoxe e que o autor relata así:

O artigo 29 da Lei Electoral decretaba que nun distrito que non se presentara máis dunha candidatura, esta era proclamada automaticamente sen celebrar eleccións. Este artigo era aproveitado polos instalados no poder para, por medios lícitos ou menos lícitos, impedir que ninguén contrario ós seus intereses puidera presentar candidatura. A eliminación deste artigo foi unha das reivindicacións dos agrarios nesta época, acuñándose o famoso dito de «ó carallo o 29».

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: