Eno mar cabe quant´i quer caber. II Obradoiro internacional de tradución poética en San Simón (tradución e limiar de Isaac Xubín)
Deputación de Pontevedra, Col. Cíes, Pontevedra, 132 páxinas, 8 €
Hai algún tempo deixei neste blog referenciadas dúas publicacións coordinadas por Yolanda Castaño. Unha delas relacionábase cun volume que recollía as iniciativas tradutolóxicas e creativas resultado do I Obradoiro Internacional de Tradución Poética en San Simón que a autora d´A segunda lingua organizara no seu día. Chegoume hai algún tempo o segundo volume desta serie que, nesta ocasión, conta coa presenza, como tradutor e responsable do prólogo, de Isaac Xubín. O título, ao meu ver, non podía ser máis acaído: Eno mar cabe quant´i quer caber, un verso que homenaxea, explicitamente, tanto á nosa literatura medieval como á figura do trobador Paio Gomes Chariño.
Xubín é quen se encarga, como se sinalou, de prologar o volume recreando nel vivencias persoais vinculadas co universo da tradución, alén de se responsabilizar -con profesionalidade e excelentes resultados- das traducións ao galego dun colectivo plural de voces constituídas polas achegas do turco Gökçenur Ç, da estoniana Kätlin Kaldmaa, do asturiano Xuan Bello, da alxeriana francófona Samira Negrouche, do estadounidense Lawrence Schimel e da húngara Anna T. Szabó, ademais de incluír unha breve escolla de composicións poéticas propias.
As persoas participantes nesta iniciativa posúen todas elas o perfil de seren voces representativas da poesía dos seus países de orixe, alén de presentar certa experiencia no ámbito da tradución. Desde o inglés como lingua vehicular, e tal e como ocorreu no I Obradoiro, as tarefas tradutolóxicas adoptan unha dinámica colectiva pois cada participante traduce á súa lingua as composicións que se crearon noutros idiomas. A incorporación, finalmente, destas voces en lingua galega posibilita enriquecer o patrimonio literario propio ao facilitar a difusión de estéticas diversas e contemporáneas que permiten, asemade, valorar camiños, ás veces parellos, en ocasións diverxentes, respecto do que aquí se está a facer. Parabéns, de novo, pola iniciativa e polo espléndido resultado que se atesoura neste libro.