Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A antesala luminosa, de Antonio Tizón

ESTRÉASE COMO NARRADOR EN GALEGO ANTONIO TIZÓN E FAINO CUNHA NOVELA, ACAROADA EN PARTE AO XÉNERO NEGRO, ONDE A CIDADE DA CORUÑA SE ERIXE COMO ALGO MÁIS CA UN PANO DE FONDO

Antonio Tizón

A antesala luminosa

Xerais, Vigo, 264 páxinas, 16,65 €

 

En ocasións cómpre dispor, alén do talento, de certas doses de ambición para construír unha novela, aínda máis se se trata da primeira. Estes camiños tripou Antonio Tizón nesta proposta, abeirada substancialmente ao xénero negro -aínda que non só- para o que conta co protagonismo dun particular inspector Sánchez, que debe resolver a identidade de senllos cadáveres calcinados que se atopan na praia coruñesa do Matadoiro, en pleno San Xoán do ano 2000. A novela, folga dicilo, converte dalgún xeito a cidade da Coruña e os seus espazos nun elemento fulcral do argumento, descritos con vontade realista e plasticidade.

         A antesala luminosa, con todo, non é tan só unha novela de xénero ou, séndoo, persegue incorporar outros elementos que contribúen a ensanchar os seus horizontes. Un deles, polo que sen dúbida se singulariza, derívase de unir con habelencia outro plano narrativo conformado por unha “media novela”, escrita por un personaxe que ten que ver co caso a resolver e que, dalgún xeito, apela á memoria e ao vivido, sistematizándose aí unha suxestiva revisión sobre un abano de asuntos que van desde a loucura -esa “antesala luminosa”, ese “primeiro contacto práctico coa morte” que, dalgún xeito, vertebra boa parte da entrega-, pasando pola ética profesional –moi vinculada coa práctica do xornalismo- ata evidenciar a existencia de prácticas corruptas, por só citar algúns deles.

         Doce días ocupa a resolución do caso e un prazo de vinte anos, encadrados polo miúdo desde un punto de vista histórico, é o período que media na outra historia. Ambas as dúas partes adoptan, asemade, diversos rexistros expresivos e constrúen un todo que, sen dúbida, cómpre saudar positivamente.

(Publicado no Fugas, de La Voz de Galicia, o 6 de febreiro de 2015, baixo o título de “Novela ambiciosa”).

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: