Teño para min que leva moita razón Brétemas ao evidenciar a escasa repercusión nos medios da inclusión de Agustín Fernández Paz, xunto coas candidaturas tan xustas de X.L. Méndez Ferrín e Luz Pozo Garza, para o Premio Nobel de Literatura, decisión que ao meu ver honra á AELG.
Talvez sexa unha obviedade apuntar que Fernández Paz testemuña unha das traxectorias máis brillantes no ámbito da literatura infantil e xuvenil, mais tamén o seu labor narrativo que non se dirixe especificamente a esa franxa do lectorado é, e segue a ser, respaldado unanimamente pola crítica e por quen se achega aos seus libros. Esta escolla é un xesto que, alén das posibilidades reais que poidan existir para a consecución do galardón, resulta moi significativo pois abre máis portas que reforzarán o recoñecemento do talento narrativo dun escritor que idea e abraza historias para ficar na memoria. Ademais recoñece toda unha xeración que puxo e segue a poñer a nosa LIX nun lugar cimeiro internacionalmente. Vaian, desde aquí, os meus parabéns a Agustín.
Tamén quero deixar constancia da miña satisfacción polos recoñecementos que a AELG outorgará a Luiz Ruffato, como Escritor Galego Universal; ao xornalismo en lingua galega e, en especial, ao escritor Xosé María Álvarez Cáccamo -nova letra E do premio “O escritor na súa terra”- autor que moito estimo e que malia dicirme en comunicación persoal -sei que non lle parecerá mal- que o galardón son “méritos da idade e moitos sexenios” é evidente que na súa traxectoria hai moito máis. Alégrome que así se recoñeza.