Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

“Encontros en negro”, con Dolores Redondo, Domingo Villar e Pedro Feijoo

Despraceime onte a Pontevedra,  coa grata compaña de Manuel Bragado e Celia Torres, a un acto literario desenvolto no salón de actos do IES Gonzalo Torrente Ballester sobre novela negra que, celebrado nun día festivo da cidade do Lérez, non deixou unha butaca libre.

Organizado con éxito por Pedro José  Iturburua, presentado e moderado con efectividade e talento por Ramón Rozas, que abriu as intervencións cunha suxestiva sentenza da tradición popular baztanesa que reza “Todo o que ten nome existe”, Dolores Redondo -a quen logo de moito tempo puiden saudar persoalmente- abriu o encontro apuntando que os supostos límites do xénero existían para ser traspasados e que, ao seu xuízo, o xénero negro sería aquel que mellor admite a fusión con outros. Domingo Villar,  pola súa parte, manifestou entender a novela negra na súa vertente social, como un caixón de xastre que ocuparía o espazo do que noutros tempos simbolizou, por exemplo, a novela de cabalarías; a que se fai hoxe inserida “nun tempo no que a realidade non fai pensar en finais felices”. Finalmente, Pedro Feijoo, asumiu o papel de “infiltrado”  ao non se considerar como autor de xénero, aínda que confesou manexar visións parellas ás que se expuxeran no sentido de procurar entretemento mais tamén transmitir vivencias do noso tempo, da nosa cultura e historia.

      Un diálogo posterior nucleouse arredor de asuntos que se vincularon ao que vén sendo  “a cociña da novela”, isto é, como se asumen e como son os procesos de creación narrativa, para debater tamén sobre a relevancia que se outorga aos espazos -físicos e emocionais- nas propostas narrativas. Finalmente, diversas intervencións dalgunhas persoas asistentes puxeron o ramo a un encontro suxestivo que foi unha sorte presenciar. Beizón!

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: