O adeus de Oliver Sacks

Como lector, se de algo me arrepinto é de non chegar antes a algunhas das obras do neurólogo e escritor británico Oliver Sacks. O meu último encontro coas súas palabras derivouse dun labor de documentación que me permitiu mergullarme nalgunhas páxinas do seu libro Migrañas, onde ofrece suxestivas interpretacións científicas ás visións de carácter relixioso. Desde que onte se fixo público o seu adeus por mor dun cancro que padece, sendo consciente de que nunca lerá isto, si quería deixar constancia da miña admiración polo seu traballo científico, pola súa faceta como escritor e por ser quen de despedirse con palabras como estas: “Non podo dicir que non teña medo. Pero o meu sentimento é de gratitude. Amei e fun amado; recibín moito e puxen algo da miña parte; lin, viaxei, pensei e escribín”. Recomendo vivamente o artigo “Speak, Memory” (“Fala, memoria”), publicado no New York Review of Books onde analiza as diferentes dimensións da memoria humana e da súa fiabilidade, aplicable tamén á escrita. Extraio e traduzo só un fragmento:

É impactante decatarse que algúns dos nosos recordos máis queridos poida que non ocorresen nunca, ou que puideron ocorrerlle a alguén máis. Sospeito que moitos dos meus entusiasmos e impulsos, que semellan enteiramente meus, xurdiron das suxestións doutros, que me influíron con moito poder, consciente ou inconscientemente, e logo se esqueceron.

1 Comment

Os comentarios están pechados.