Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O Miño. Un caudal de historia, de Anselmo López Carreira

O HISTORIADOR LÓPEZ CARREIRA OFRECE UN SUXESTIVO E DIVULGATIVO ENSAIO NO QUE SE ARTICULA UNHA REVISIÓN HISTÓRICA DE GALICIA DESDE A ÓPTICA SINGULAR QUE OFRECE O RÍO MIÑO

Anselmo López Carreira

O Miño. Un caudal de historia

Xerais, Vigo, 2015, 248 páxinas, 12,50  €

 

 

Segue a deitar sorpresas a colección “Libro X” que hai algún tempo puxo en circulación Edicións Xerais. En O Miño. Un caudal de historia transita a intención dun historiador, e divulgador de longa experiencia, como é Anselmo López Carreira de debruzarse en diversas dimensións do noso pasado, utilizando un suxeito para a narración ben diferente do que os libros destas características adoitan ofrecer e que é, como o seu título sinala, o río Miño. O percorrido que se ofrece, claro é, devén histórico mais tamén repara en moitos dos acontecementos que se proxectan na Galicia de arestora, isto é, como está configurada a través dos espazos físicos mais tamén a través das pegadas que deixou a arte, o pensamento, as diversas doutrinas ideolóxicas, a economía, a onomástica, a literatura, a arquitectura ou os movementos sociais e políticos entre outros elementos, aplicando un proceso que desmitifica moitos deles, matizando algúns outros.

           Así pois, vertebra a nosa historia o río Miño? Este libro confirma que si e faino inspirándose nunha concepción da historia como “elemento de cohesión social”, optando por unha narración de carácter transversal, argumentada con brillantez e enchoupada dunha inequívoca vontade divulgativa.

         A adopción dun rexistro expresivo pouco críptico e fluído, apelando en ocasións ao memorialístico e persoal,  fai  que se articule unha lectura destinada a un público amplo, cuns contidos dispostos á mantenta sen orde cronolóxica e que se anoan con tino mercé a acumulación de pequenas secuencias para agasallarnos, en definitiva, cunha viaxe que axuda a nos entender.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas“, de La Voz de Galicia, o 20 de febreiro de 2015 baixo o título de “Unha viaxe para nos entender”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: