150 Cantares para Rosalía de Castro, de Suso Díaz

O poeta e amigo Suso Díaz, incansable activista en múltiples frontes culturais e literarias, algo que fai desde a distancia física do seu país o que, ao meu ver, goza aínda dun maior mérito, foi quen de concitar o que podería semellar como un milagre, pero que non o foi  pois na apelación figuraba o nome de Rosalía, isto é, xuntar cento cincuenta voces de poetas en lingua galega e mais un número apreciable de ilustradoras e ilustradores, man a man, para articular unha homenaxe que, acaidamente, ve hoxe a luz como publicación dixital acobillada na sección de publicacións da Fundación Rosalía de Castro.

     Convido vivamente a achegarse a esta publicación na que tiven a fortuna de colaborar cun breve prefacio. Foi para min unha honra participar nela e un orgullo formar parte desta vizosa árbore rosaliana no que tantas e tantas pólas de voces amigas atopo. Beizón, Suso!