Manuel Lueiro Rey xa navega pola rede

Supón para min redactar este apuntamento unha auténtica regalía. Desde hai algún tempo percibía que Manuel Lueiro Rey debería gozar dunha maior visibilidade como escritor e que este proceso cumpría que se vehiculizase -aínda que non só-  na rede. Nada mellor, pois, que idear unha web de carácter divulgativo que, a carón da información básica sobre o autor,  recollese a actualidade que o autor, vinte e cinco anos desde o seu pasamento, aínda xera a día de hoxe Por outro lado, talvez, ninguén mellor que Carmen Carreiro para materializar esta idea, pois alén do seu traballo fundamental e da paixón que sempre depositou no labor de popularización de Lueiro,  soubo acompañarse de persoas como Daniel Ferreiro -que realizou un magnífico traballo no que ao deseño e cuestión técnicas da web se refire- e, ao que sei, contou tamén coa colaboración da familia do escritor, que forneceu numeroso material gráfico, audiovisual e documental para este proxecto.

    O resultado final, ao meu ver, merece todas as gabanzas. Convido, pois,  a coñecer esta web premendo aquí, que incorpora numerosos e completos contidos de carácter biográfico e literario, bibliografía, noticias sobre os Premios Lueiro,  un suxestivo arquivo audiovisual e un marabilloso álbum fotográfico, completándose tamén cunha sección de actualidade arredor do autor que, para os que acreditamos na “causa Lueiro“, será de consulta obrigada.

      O obxectivo de obter unha visión panorámica de quen foi Lueiro e da obra literaria que legou creo que se conseguiu moi meritoriamente. Agora cómpre difundir esta web. Beizón a todas as persoas que fixeron posible este galano.