Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Manuscrito: Fermín Bouza Brey (poema á memoria de Rosalía)

Foto tirada de http://memoriasdecompostela.blogspot.com.es/

Foto tirada do blog memoriasdecompostela

Entre os arquivos da Fundación Penzol permitíuseme rescatar un manuscrito do escritor pontearán Fermín Bouza Brey, que xa visitara este blog cunha interesante carta. Hoxe volve, nun día que festexamos o nacemento de Rosalía de Castro, coa composición titulada “Na visita de doña Gala Murguía ao mausoleo de Rosalía, sua nai, en 10 de Setembro de 1950”, no que apela á autora de Cantares gallegos como “verso de amor, estrofa de tormento”. O  poema  viu a luz en Seitura (1955), como primeiro poema da sección “Sonetos” baixo o título de “A Rosalía”. Beizón á Fundación Penzol pola cortesía e feliz día rosaliano (abaixo incorporo a transcrición do poema desde a versión testamentaria do autor).

 

Pra acariñar a mármore xeada
que quixo dar embrullo e acalento
á vosa humanidá martirizada,
ouh, señora da Dor e o Esquencemento,

connosco vén, do tempo aluarada,
prenda que é vosa, flor do voso alento,
verso de amor, estrofa de tormento
no voso seo escrita e mais cantada.

E… como vai quencendo a pedra agora
co bico que isa filla deu, señora,
remanecendo os bicos de algún día!

Xa non enfriará, que a patria en roda
no agarimo filial puxo a alma toda
e a Galiza é eviterna, Rosalía!

Fermín Bouza Brey

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: