Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

“O xornalismo e Cunqueiro”, en Mil e un cunqueiros. Novas olladas para un centenario

Nun día coma hoxe, en 1981, falecía Álvaro Cunqueiro en Vigo e souben hoxe, a través da rede,  que o Consello da Cultura Galega incorporou unha edición dixital do libro Mil e un Cunqueiros. Novas olladas para un centenario. O volume, coordinado por Manuel Forcadela, Teresa López e Dolores Vilavedra, goza dun interese palmario tanto para as persoas interesadas no universo do escritor mindoniense como para quen desexe familiarizarse co autor e coñecer novas achegas.  A publicación pódese consultar premendo aquí e incorporo abaixo o texto dunha  breve intervención  miña, sobre o xornalismo e Cunqueiro, que realicei nun faladoiro que tivo lugar na Casa Galega da Cultura de Vigo en 2011.

O xornalismo e Cunqueiro

 

LIMIAR

Antes de comezar, quero recoñecer o meu agradecemento tanto á Casa Galega da Cultura, onde sempre me sinto como na casa, como ao Consello da Cultura Galega por terme convidado a participar neste faladoiro que pon o ramo a un ciclo que se detivo, como era necesario, nun feixe de asuntos vinculados coa personalidade e mais a obra de Cunqueiro neste ano do seu centenario.

       Participo, así pois, con moita satisfacción, ao redor dun asunto como é o xornalismo en Álvaro Cunqueiro, que sempre me interesou debido ao feito de ter escollido Cunqueiro a profesión de xornalista, ou ser o xornalismo, quen o sabe, quen o escolleu a el; algo que non é secundario no seu percorrido biográfico e literario. Un tema que, por outro lado, ofrece un milleiro de asedios analíticos entre os que salientaría dous como son a confluencia, máis de tensión que harmónica, entre xornalismo e creación literaria e unha análise deses posibles vasos comunicantes, se é que existen, entre xornalismo e literatura, e como estes se translocen na obra de Cunqueiro, ou en parte da súa obra, se callar na súa última prosa galega, rexida quizais por un alento máis contido, máis esencialista, aínda que isto sexa máis propio doutra abordaxe que non debería facer aquí.

VIVENCIA DO XORNALISMO

      A pouco que se afonde no perfil biográfico de Álvaro Cunqueiro, nomear o termo «xornalismo» fai agromar outro co que se asocia axiña e este é o de contradición. Non o afirmo eu, que son apenas un lector de Cunqueiro e que na miña bagaxe como cunqueirólogo afeccionado contan apenas algunhas achegas á súa personalidade a través, xustamente, da súa propia palabra, precisamente tirada ou extraída de diversos soportes informativos nos que ao longo da súa vida foi deixando esparexida. Sigo ao seu biógrafo Armesto Faginas que, en numerosos lugares, deixou explícita a devandita valoración. Contradición porque, malia exercer a práctica deste oficio desde moi novo, malia dirixir o propio Faro de Vigo durante uns anos, malia ser colaborador de abondosos soportes xornalísticos, o propio Cunqueiro nunca resolveu con claridade a ecuación que formulaba a posible compatibilidade ou non entre xornalismo e creación literaria; unha traxectoria, quizais non estea de máis lembralo, que comeza como colaborador no seo de El Pueblo Gallego, a poucos metros de aquí, que continuou na redacción de La Voz de Ortigueira, nas páxinas de Era Azul, e que seguiu en La Voz de España, en Donostia, a cunqueirorevista Vértice, e un breve período como redactor-xefe no ABC, espazos nos que, como confesou, se formou como xornalista. Con esta bagaxe chega á dirección dun xornal no que recoñece que chega sen verdadeira vocación, pois cando lle falan dos atrancos e os problemas que pode supor exercer responsabilidades directivas nunha empresa xornalística recoñece: «Apenas sabía nada de todo eso cuando me hice cargo de la dirección. Pero yo creo que lo puedo hacer todo. Si me metiera en un gallinero terminaría sabiéndolo todo de las gallinas» (Nicolás, 1994: 238) e entre os problemas, non está de máis dicilo, e é curioso e significativo nun home do perfil de Álvaro Cunqueiro, a referencia aos seus problemas coa censura, que afectaron nunha mínima medida á súa obra literaria —recoñeceu algunha chamada a capítulo por mor dalgunhas notas da súa autoría sobre Rafael Alberti e pouco máis—, mais si noutra dimensión como director, respecto do que dixo: «he padecido, como todos los directores de periódicos, la deformación de la información, que ya venía deformada, en política exterior y española, de las agencias» (Nicolás, 1994: 245).

      De seguirmos as súas manifestacións ao respecto, esparexidas aquí a acolá como dixen, resulta doado constatar que, durante moitos anos, as aseveracións realizadas polo propio Cunqueiro ao redor deste tema orbitan ao redor de dúas sentenzas: unha cífrase na necesidade de ser xornalista pro pane lucrando, a outra subliña a incompatibilidade que para el supuxo a práctica do xornalismo coa literatura.

       Neste sentido, apuntoulle a Perfecto Conde que «a mí el Periodismo siempre me gustó y me sigue gustando», para concretar que, no tempo no que dirixiu o Faro de Vigo non lle desgustou dirixilo «a pesar de que no eran los más favorables para hacer el periodismo que todo periodista lleva en la cabeza», sendo do seu gusto «las horas de improvisación, la rapidez del trabajo, el comentario del día, esta prisa…» (Nicolás, 1994: 236). Aínda máis, foi moito o que aprendeu nas rotativas tal e como lle sinala a Joaquín Jiménez para Sábado Gráfico: «en un periódico se aprende a escribir con economía, con seguridad, con claridad. Se aprende a decir. Además, el ejercicio del periodismo le obliga a uno a mirar las cosas de una forma diferente, con una avidez constante por saber, por conocer, y hasta crea una especie de osadía, porque uno termina opinando con una aparente seguridad de todo aquello que pasa por sus manos» (Nicolás, 1994: 237). Neste rodopío de declaracións, en aparencia contraditorias, inquirido polas contras que o xornalismo lle achegaron, acrecenta: «los años que estuve dirigiendo Faro de Vigo, como escritor, una porción de años perdidos. Yo escribía todos los días un artículo, pero en esos años no escribí un sólo libro» (Nicolás, 1994: 239). Visto coa perspectiva de hoxe, foi unha fortuna que o mindoniense compuxese estes artigos, compilados posteriormente e vistos en conxunto, constitúen evidentemente unha porción de marabillosos libros sobre mil e un temas, redactados e premidos polas urxencias, mais cuns resultados realmente maxistrais pola frescura e enxeño que deitan.

O XORNALISMO E A LITERATURA

       Ao fío das súas propias declaracións nunha entrevista concedida a Manuel Pérez Bello (Nicolás, 1994: 237) remárcalle:

Al periodismo le debo el aprender a ser breve. La brevitas et concisio de Cicerón se aprende mejor en un periódico que en ningún otro lado, aunque siendo un director de un diario como Faro de Vigo siempre fui mucho más literato que periodista. Siempre he tenido la tendencia de transformar la noticia más urgente en literatura. Semeja que no supiese vivir fuera de la literatura.

        Chamo a atención a esta afirmación: «semella que non soubese vivir fóra de literatura», velaquí a clave, quizais, desa contradición á que antes me referín, pois dirixir un xornal non era ficción, non era fabulación, era algo tanxible e real malia que en ocasións significase un esforzo quizais doloroso e esgazador nalgunha ocasión —lembro sempre esa foto de Magar enriba da súa mesa de dirección no Faro, con xesto tenso e termando da cabeza, creo non enganarme que non sería unha pose— polo que se ve obrigado a termar xa non dunha lanchiña, senón de todo un buque informativo como era o Faro de Vigo nos anos sesenta, un barco que capitanea con coidado, pois como lle xustifica a Maribel Outeiriño: «era un momento muy complejo, también por la propia condición del periódico, su tradición e historia. Uno no podía entrar allí a talar árboles porque el periódico tenía una clientela muy definida» (Nicolás, 1994: 236). Baixo a asunción de que existía un exceso de noticias, algo que chegaba a calibrar como prexudicial para a estabilidadade intelectual e moral do lector. A visión da información, partindo dun sempiterno convencemento de que «había un exceso de noticias» prexudicial para o lector, de xeito que, tal e como lle confesaba a Pedro Rodríguez (Nicolás, 1994: 241), pouco antes de ingresar no Faro de Vigo como colaborador:

Las noticias no se debían conocer hasta un mes después de haber ocurrido el suceso… Es terrible esta psicosis de noticias que azota el mundo. El hombre no está preparado. El hombre fue concebido, fisiológicamente, para comer crudo y sin embargo no comemos más que cocido. Fué concebido y dotado para andar a pie y se vuelve loco con tal de correr a 20.000 kilómetros por hora… Y esto es criminal… Se saca violentamente al hombre de sú hábitat…

        Non deixa, así pois, de ser curioso que pouco despois Álvaro Cunqueiro non unicamente pasase de colaborador no xornal a redactor e, máis tarde, a director. Nunca, a pesar de todo, recoñeceu nin comprendeu, na consideración do seu propio tempo, esa avidez de coñecer noticias, asumindo que abondaría cos avisos que se intercambiaban que levaban e traian os correos tradicionais… Aínda máis: advertía ao redor da superabundancia de noticias e mais a súa internacionalización, facendo de menos unha maior presenza da noticia de carácter local. Detrás, coido que é obvio pero quizais preciso sinalalo, paira a necesidade de desenvolver unha profesión remunerada, o máis achegada á creación literaria. Daquela só estaba o mundo da edición, con Galaxia que non daba para máis, ou o exercicio do xornalismo cunha vinculación máis profesionalmente, malia que, no fondo, a súa profesión confesada era a de lector, e como el afirmaba, omnívoro.

      Cunqueiro, medio en broma medio en serio, quen sabe canto dun e canto doutro, teimaba, recorrementemente, no que se podería definir como unha idealización arquetípica do que para el sería o xornalismo: dar a noticia con seis meses de atraso, filtrar as novas, dosificalas, deformalas á súa vontade… seica, ao meu xuízo, crear unha auténtica novela, un ente de ficción para soñar.

CODA

     O xornal, o Faro de Vigo, deulle a Cunqueiro, así o recoñece noutros textos, seguridade económica nun momento que a precisaba e unha certa liberdade, ao tempo que recoñece que el tamén lle deu algo ao xornal, sen concretar o que. E, se cadra, ben foi así, pois confesa que, cando os seus fillos rematan as carreiras e non precisa o soldo do xornal, o deixou sen deixar de establecer unha ligazón doutro tipo. En todo iso quizais influíu o ritmo que o xornal imprimía nun cargo de responsabilidade para el: «no estoy hecho para el trote de un periódico diario», o que provocaba un cansazo que o superaba: «…yo no he podido trasnochar, simplemente porque jamás he sabido dormir de día. Dirigiendo el Faro de Vigo llegué a arrastrar una cantidad de sueño increíble. Por eso, en cuanto pude, lo dejé» (Nicolás, 1994: 238) e ao que engadiría outra motivación, non menos substantiva, como é a da creación literaria: «Tengo cincuenta y siete años, no me quedan muchos más, y tengo que escribir libros» (Nicolás, 1994: 239), apuntando así pois ao que reiterou unha e outra vez: a vida do escritor e do xornalista son incompatibles. Desde o seu particular punto de vista, o xornalismo creaba «na mente» unha idea de provisionalidade dada a sucesión interminable de noticias, que a el, como novelista, lle repercutía psicoloxicamente. Aínda máis, segundo o seu parecer, o escritor que fai xornalismo condénase —sic— á esterilidade literaria. De feito, alguén que o coñecía ben e que tivo e ten tanto que ver con esta casa como foi Francisco Fernández del Riego deixou dito que o xornalismo non «cadraba co seu temperamento» (Fernández del Riego: 1991).

     Malia todo, o verme do xornalismo, da súa presenza nos medios de comunicación escritos, foi un lugar común na súa biografía como sinalei ao comezo da miña intervención. Antes e despois da súa dirección de Faro de Vigo, Cunqueiro estivo, como poucos, amosando os seus excepcionais dotes para facer artigos, creou textos polifónicos, cheos de orixinalidade, exemplos do seu amplo saber, da súa extraordinaria capacidade para modelar a palabra e transmitir emocións, sentimentos, pareceres, sabendo dotar as súas prosas dunha inimitable policromía que abalaba entre a crónica, o relato, a fabulación, a recensión crítica, o xuízo impresionista ou mesmo a divagación biográfica. Súmese a todo isto o peso da espontaneidade e esa liña que a cada pouco atopamos en Cunqueiro, tamén nos seus artigos, que era un espello do infatigable lector que sempre foi. Desde a forxa secreta na que se inspiraba para contar, para relatar, aquel artigo en aparencia de asunto anódino ou supostamente plano facía agromar e escintilar a súa capacidade de sedución, aplicando as necesarias doses de fabulación que tanto o caracterizaron, un modelo de como o tanxencial ou o periférico pode erguerse até o categórico, sendo discretamente erudito. Unha regalía aínda ao noso dispor, de alguén que dominaba, como poucos, a arte do ben escribir. Un dos mellores articulistas, ao meu ver, que xamais tivo a prensa galega e española da súa época. Teño para min que bo é recoñecerllo e máis neste ano do seu centenario.

Referencias bibliográficas

Armesto Faginas, X. F.: Cunqueiro: unha biografía, Vigo, Xerais, 1987.

Fernández del Riego, F.: Álvaro Cunqueiro e o seu mundo: vivencias e fabulacións, Vigo, Ir Indo, 1991.

Nicolás, R.: Entrevistas con Á. Cunqueiro, Vigo, Nigra, 1994.

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: