Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O “cuestionario Filgueira Valverde” na web da RAG

Afeito a solicitar respostas a cuestionarios e outro tipo de iniciativas non debía negarme a reflexionar sobre as preguntas que me formularon sobre Filgueira Valverde que, ademais, estrean esa sección que a web da Real Academia Galega mantén anualmente sobre a persoa elixida para lle dedicar o Día das Letras Galegas. Alén de rescatar un “cuestionario Proust” sobre Filgueira, igualmente xa me pronunciara había algún tempo sobre a decisión que a RAG adoptou na escolla deste candidato e  aquí,  inquirido por cuestións de carácter literario e cultural, deixo as miñas  respostas. Grazas pola invitación.

Que importancia tivo a figura e a obra de Filgueira Valverde na vida cultural galega nos dous segundos terzos do século XX? Filgueira Valverde, ao meu ver, non pode ser entendido como un ente indisociable. A súa figura, se por ela entendemos o seu percorrido biográfico, vese fortemente suxeita ás consecuencias que se derivan de posicionamentos persoais e políticos, que van desde o apoio á escisión da Dereita Galeguista á súa vinculación con postos de responsabilidade dentro do franquismo, sen dúbida os máis polémicos; mais tamén sería inxusto esquecer outras iniciativas como foron a participación, no seu día, na fundación do Seminario de Estudos Galegos, na creación do Museo Provincial de Pontevedra a finais dos anos vinte ou naqueloutras propostas máis estritamente culturais nas que penso que é irrebatible afirmar que desempeñou un papel importante, nomeadamente no labor de investigación e promoción da literatura galega medieval ou noutras achegas que definen o seu como un perfil de sólido polígrafo humanista.

Cales foron as súas achegas máis importantes ás letras galegas e aos estudos históricos e artísticos en Galicia? Son consciente de que deixou mostras da súa preocupación no ámbito arqueolóxico ou na recuperación do noso patrimonio musical, entre outras, pero o que me máis me atrae, no ámbito creativo, é o herdo que deixou na narrativa, na literatura infanto-xuvenil, no teatro ou na poesía, talvez incursións moi episódicas, e hoxe moi descoñecidas, pero que espellan esa imperativa necesidade de “facer de todo”, moi en conexión co espírito Nós.

O que particularmente salientaría, baixo a miña perspectiva, dos seus traballos literarios, interpretativos e vinculados coa nosa literatura apunta ao que se atesoura nos volumes editados en Ediciós do Castro baixo o epígrafe de Adral, que compila un número oceánico de colaboracións dispersas ao longo de moitos anos en diferentes lugares. Ao tempo, o seu estudo La Cantiga CIII: noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval (1936); os traballos medievalísticos do autor como os que se recollen en Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1925-1987) (1992) ou mesmo a recuperación da antoloxía poética galega consultada que preparou nos tempos da República e que Xesús Alonso Montero e Ana Acuña prepararon e editaron baixo o título d´Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada (2008) resultan, para min, do máis estimable, formativo e suxestivo da súa obra.

Que vixencia conserva a súa obra hoxe en día? Ao que a min respecta, a súa achega intelectual no eido da esculca nos ámbitos da investigación e interpretación do feito literario, segue moi viva e admiro nela a súa capacidade de esencializar e sintetizar coñecemento e sabedoría, alén de suxerir camiños que, aínda hoxe, se poden seguir. Se cadra noutros ámbitos que ocuparon a súa atención o seu labor sexa relevante, aínda que o coñezo escasamente. Ao tempo, son consciente de que os seus traballos, cando menos os que eu máis valoro, gozan dunha proxección e valoración moi limitada no tecido social e cultural galego máis activo hoxe en día pois a deriva do seu perfil biográfico acaroado ao franquismo escureceu e minimizou tanto a recepción como a valoración do seu traballo intelectual. Talvez algo que resultou inevitable.

Que pegada deixou a súa obra nos estudos e nos pensadores e ensaístas galegos contemporáneos? Céntrome nos ensaístas. Sen citar nomes, se cadra escasa nun sentido xeral: a súa formación intelectual e ensaística enraízase no acceso desde novo a diferentes ámbitos do coñecemento, isto é, cumpre a definición exacta de polígrafo, aberto a moi diversas ramas do saber, ao que se uniu unha evidente vontade de ir sempre máis alá e de divulgar. Xunto con Otero Pedrayo talvez sexa o derradeiro polígrafo da cultura galega do século XX. Por outro lado, en campos específicos, é evidente que os camiños que trazou, como arriba se sinalou, resultaron moi operativos para posteriores achegas.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: