Reacomodando algúns dos libros recibidos nos últimos meses atopei os dous volumes que Sushi Books puxera en circulación no mercado hai algúns meses e dos que tiña pensado dar conta no seu día neste blog, xa non só porque supoñen de seu unha importante, e saudable, achega no ámbito das traducións da literatura infantil para a lingua galega, senón porque tivera a fortuna de saber da existencia destes personaxes a través da tradución, que realizara con Jarna Piippo, de Semanas, meses, de Reko e Tina Lundán. No devandito libro Minna, unha das protagonistas, pretendía achegarse a unha cafetaría dun hospital a mercarlles aos seus pequenos uns caramelos “Moomin”. Desde aquela souben de Tove Jansson e da saga de libros desta autora protagonizados por uns trolls brancos, redondos e con grandes fociños que tamén saltaron á celebridade pola realización de diversas series televisivas inspiradas nas aventuras destes personaxes.
Pois ben, estes dous libros –A chegada do cometa e mais O sombreiro do mago– supoñen, que eu saiba, os dous primeiros títulos da escritora finlandesa de expresión sueca traducidos ao galego, nesta ocasión a cargo de Moisés R. Barcia. Os dous títulos, ao meu ver, ben pagan a pena pois recrean as imaxinativas e suxestivas aventuras, transitando ás máis das veces entre o sorprendente e mais o enigmático, destes singulares personaxes que acadaron, por dereito propio, un espazo salientable na literatura infantil de maior calidade entre as publicadas no século XX. Jansson acreditaba que nun libro infantil sempre debía quedar algún detalle sen aclarar e engadía na súa particular percepción da literatura infantil que cumpría deixar ás lectoras e lectores que reflexionen sós “que distingan por si mesmos entre o real e o irreal. O autor non é un guía; debe brindar un camiño, si, pero deixar que o neno marche só por el e que estableza as fronteiras co seu coñecemento propio das cousas”. Grazas por esta achega.