“Epifanías e algo de sementeira”, prefacio a 150 Cantares para Rosalía

Comparto hoxe o prefacio que o meu amigo e poeta Suso Díaz me solicitou para o seu libro dixital 150 Cantares para Rosalía no que foi un pracer participar.

Epifanías e algo de sementeira

          A quen nos gusta ler, a quen nos gusta ler especialmente literatura galega, isto é, aquela que se escribe en lingua galega -dígoo por abrazar un argumento estritamente filolóxico que aínda segue a ser, malgré lui, posto en dúbida-, o acceso ao coñecemento e á lectura da obra literaria de Rosalía de Castro supuxo unha luzada, unha revelación, unha epifanía que agora me fai pensar nun instante máxico que conduce inevitablemente á reflexión, ao feito de se  inquirir as razóns dunha sedución literaria, téñase a idade que sexa; leva a procurar as razóns que pairan sobre cando se escribiu aquilo, porque se escribiu así, porque se di o que se di…, mesmo tamén, se cadra, a interrogarse a si mesmo sobre como é posible que aínda non  descubrise aquel tesouro até ese momento… Todas e todos, sospeito, gozamos dun deses momentos e conxecturo que non é das cousas que se escurecen nese pozo fondo, e sempre preciso, que é a memoria e que é unha fortuna que nos acompañe sempre. A miña epifanía particular, sen ser en absoluto orixinal, mantense diáfana na memoria, case tanto como aquela voz inigualable de Mercedes Plata que cantaba, nunha cinta de casete que xa perdín mais que lembro se titulaba “Lúa descolorida”, o “Tecín soia” como nunca máis o volvín oír. Diáfana porque Rosalía, isto é, a obra de Rosalía, non estaba na miña casa e un, adolescente daquela, non podía acceder a unha fermosa edición, de tapa verde, que comercializaba Edicións Xerais. E tiven que me conformar cunha edición económica, nin máis nin menos que de Austral, que incorporaba os Cantares gallegos. Desde aquela páxinas hoxe amarelecidas agromou o meu fascinio, no meu caso auroral, ao que logo se unirían, e aos poucos, Celso Emilio, outras voces máis até hoxe, pero iso é outro cantar. Aquela edición, malia non ser en absoluto nada bibliófilo, é para min un hoxe gran tesouro.

     Deixo por escrito todo isto, nun exercicio memorialístico case impúdico que saberedes desculpar, porque os cento cincuenta poemas que aquí se incorporan chegan invocados polo nome de Rosalía e veñen de persoas que, xunto con aquelas que colaboran coas súas ilustracións, alén do esforzado coordinador do volume, Suso Díaz ou de Mercedes Queixas, que prologa o libro, ambos os dous amigos que admiro, tamén tiveron que vivir, ao seu xeito, ese momento.

         E foi aí, coas diferenzas que os contextos epocais e as desemellantes e naturais sensibilidades, onde se produce unha sementeira en cada persoa que, sen ser algo programado nin intencional, nos agrupa a quen este libro une. A lectura da obra rosaliana goza destas consecuencias imprevisibles: persoas hai que lembrarán versos e poemas enteiros para todo o sempre; ás veces xermolará nalgunhas a vontade de interpretalos e divulgalos; en ocasións persoas hai que gozan da sorte de editala, pintala, deseñala, cantala, estudala ou traducila e outras  –nas que agora estou a pensar- deixan que o pouso da súa obra e das súas particulares lecturas, da admiración que polo traballo dela sentimos adopte unha formulación literaria ou artística que sexa operativa para homenaxeala lembrándonos, así, por se alguén o esquecera, que Rosalía vive; e se é na rede, onde repousa parte do futuro e onde debemos estar con orgullo identitario, pois moito mellor. Beizón polo proxecto, beizón por esta realidade.

 

Ramón Nicolás

Lavadores , 2014