Retorna Bernardo Atxaga a Galicia e para min este é un gran motivo de alegría. Tras ditar en Pontevedra unha espléndida conferencia, hai case un ano, e recibir, no seo da Gala das Letras que organiza anualmente a AELG, o título de Escritor Galego Universal -un recoñecemento que abrazou con ilusión e, cónstame, con orgullo-, ofrécese outra ocasión para volver dialogar co autor de Obabakoak e d´O fillo do acordeonista este vindeiro sábado, 7 de marzo, en Compostela, onde inaugurará un ciclo de encontros dirixido e deseñado por Alfredo Conde baixo o título de “Cara a onde? Observando a transformación cultural e social desde a literatura” . Máis adiante o ciclo irá completándose coas participacións de Suso de Toro (11 de abril), Carme Riera (23 de maio) e Bradley Epps (20 de xuño). En todas as ocasións terei o pracer de acompañar, cousa que agradezo, a Henrique Alvarellos e mais a Xosé A. López Silva nun curioso rol definido como “retrucante”, isto é, o de facer retruques, que nacerán -estou certo que por parte dos tres- dun inequívoco alento construtivo que avive o debate. Veremos os camiños polos que serpean tanto esa “cortiza” como a “áncora” que amenta Atxaga no título na súa intervención: sen dúbida que ben suxestivos. A actividade é de entrada libre e gratuíta até completar as localidades.