Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Manuscritos: Antonio Piñeiro

Pasou, hai xa algún tempo, por este blog Antonio Piñeiro  coas súas respostas ao Cuestionario Proust. Faino hoxe, nesta sección de Manuscritos, cunha mostra que entendo como moi xenerosa ao facerme chegar tanto o orixinal  que acolle as emendas, apuntamentos e puimentos, de estimable valor desde un punto de vista analítico-literario contidos no “libro-borrador” (imaxe superior  esquerda) como o resultado final (imaxe superior dereita), co valor engadido de se tratar dunha edición limitada e artesanal que, ademais, viu a luz no selo Bourel que o propio poeta creou e xestiona.

     Explica esta cuestión o propio autor nunha nota que me fixo chegar canda o envío: “O manuscrito é a maqueta en bruto (tal como quedou) que serviu para construír o poemario. Foise elaborando e foi mudando sobre a marcha, mentres se estampaba cada peza. Polo tanto respira tanto desa acción directa mecánica como da súa concepción literaria e lírica”.

       Nun apuntamento previo na versión provisoria Antonio Piñeiro realiza unhas reflexións que resultan, ao meu ver, de interese sobre o proceso creativo e a mais sobre a dinámica que imprime a elaboración artesanal do libro. Permítome reproducila:

O feito de avanzaren xuntas, a parte mecánica da estampación e elaboración do libro, e mais a parte creativa, construtiva, depurativa das pezas, mesmo ata o preciso instante da impresión na súa páxina, si que deixa unha sensación nova, unha cousa de transitoriedade doce, de posibilidade de palpar nese transcurso instintivamente todas cantas variantes pode adoptar unha idea. Este feito da construcción simultánea deixa un apetito forte de repetir a experiencia.

     Como se advirte nas fotos enfrontadas inferiores o manuscrito está ateigado de diversos apuntamentos que nacen ao abeiro das diversas ideas que conforman Chans imperfectos: libro de evidente transfondo filosófico-poético onde se reflexiona sobre o “estar” nun espazo que serían os “chans”, onde agroman os conflitos, as incertezas  as dúbidas que serían as da propia condición humana.

    Velaquí dúas mostras de senllos poemas coas versións iniciais -con numerosas “ideas” e reflexións- precedendo ás definitivas.  Grazas de novo ao autor por esta valiosa colaboración.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: