O ESCRITOR FERROLÁN XESÚS CONSTELA RETORNA Á NARRATIVA CUNHA HISTORIA ROCAMBOLESCA NA QUE, EMBAIXO DA TONA, SE AGOCHA UNHA LECTURA CRÍTICA SOBRE AS APARENCIAS E A IDENTIDADE
Apoteose das perchas
Edicións Embora, Ferrol, 2014, 92 páxinas, 15 €
Hai cousa dun par de anos, no seo dun Club de Lectura no que un grupo de persoas adoitamos reunirnos, Xesús Constela xa daba conta desta proposta narrativa que hoxe é unha realidade, tras o éxito dunha imborrable novela como foi 15.724, publicada no 2012.
Apoteose das perchas goza, así pois, dun subtítulo que reza como divertimento napolitano, contextualizado con excelencia e cuxa referencia non resulta gratuíta, aínda que non debería ocultar outras, creo que lexítimas, lecturas. Nesta novela breve prímase o deseño de situacións aparentemente absurdas ou delirantes e todo parece estar ao servizo de certo ton humorístico; mais segundo se avanza no argumento este vai adquirindo matices que, ao pouco de reparar con certa atención, revelan ángulos que gañan presenza e que se acaroan cara a unha perspectiva marcada pola ironía, que deriva ás veces en sátira e esperpento, acompañada case sempre dun chisco de acedume.
O argumento nucléase por volta dun personaxe curioso -unha sorte do Willy de Shakespeare destilado do mesmo autor-, cargado dun sentimento de autoodio respecto das súas orixes humildes e fascinado noutrora polo ouropel da clase enriquecida que servía a bordo dun cruceiro que percorre as augas do Mediterráneo. Este Tommaso será detido por infrinxir unha malleira descomunal a un viandante e a iso súmaselle a inculpación por un homicidio múltiple que se volve investigar: é na descrición dese proceso policial onde brilla o recurso á oralidade e onde agroma a exposición dunha crítica, desapiadada nalgúns fragmentos, respecto da aparencia e das dobres identidades que, tantas veces, son quen de falsear a propia realidade malia que non sempre o consigan.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 6 de marzo de 2015, baixo o título de “Divertimento napolitano”.