Con Bernardo Atxaga, en Compostela, noticia sobre o seu “Txoriak kolpeka” (“Paxaros a golpes”)

Participei, este pasado sábado, no espazo do Centro Galego de Arte Contemporánea, no rol de “retrucante”, xunto coa amable compañía de Henrique Alvarellos e mais Xosé Antonio López Silva, no que foi o comezo do ciclo de conferencias “Cara a onde?” que organiza Alfredo Conde e polo que han pasar aínda Suso de Toro, Carme Riera e mais Bradley Epps.

     Valoro a experiencia como positiva por experimentar un formato que suxire o debate e mais o diálogo aberto e plural sobre o coñecemento e a cultura. Igualmente semellante é a miña valoración respecto do discurso de Atxaga que partiu, como adoita, da “cortiza” e a “áncora” como elementos de valor metafórico para conducirnos logo arredor do concepto de identidade, do  “valor” que achegan as culturas de pequeno tamaño e mais da utilidade e a proxección das linguas propias articulando, en diversos tramos, unha cartografía do que aconteceu na cultura vasca desde que Wilhelm von Humboldt recolleu nun libro a existencia da nación vasca e do éuscaro ata os campos de forza que actuaron que desde o 1939 ata os tempos actuais, sen esquecer deterse no éxito dalgúns elementos que se converten en símbolos nacionais como a txalaparta.

    Como ocorre con frecuencia, máis alá da formalidade do acto, entre outros asuntos, foi un pracer saudar a Ritxi Ojembarrena e, ademais de constatar a súa alegría pola publicación en edición bilingüe do libro de Joseba Sarrionandia Tempo de exilio, saber por Atxaga da publicación do seu último libro en éuscaro titulado Txoriak kolpeka, algo así como Paxaros a golpes, que viu a luz a finais do ano pasado en Pamiela e que, talvez, de aquí a un ano xa poida estar traducido e publicado cando menos en castelán. O libro está composto por tres relatos que, dalgún xeito, nacen ao abeiro de material que quedou fóra do seu recente Días de nevada (2014). Deste Paxaros a golpes manifestóuseme  especialmente satisfeito cando menos dun dos tres relatos que o compoñen pois podería supor un novo camiño polo que transitar para avanzar noutros proxectos narrativos.  Devecendo xa por lelo. Eskerrik asko, Atxaga e laster arte.