Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Na morte de Luís Mera Naveiras

Á esquerda Luís Mera e á dereita Manuel Lueiro (foto Luís Mera)

Á esquerda Luís Mera e á dereita Manuel Lueiro (foto Luís Mera)

Remexo na memoria e coido que a vez primeira que oín falar de Luís Mera Naveiras foi por Maruja Lores, esposa de Manuel Lueiro Rey:  “Tes que coñecelo, tes que coñecelo. Era un dos grandes amigos de Manolo en Ferrol”.  A fortuna quixo que nalgunha presentación, se non estou errado na da Derradeira escolma ferida, que se celebrou na libraría Sargadelos de Ferrol, puidera coñecelo persoalmente e axiña comecei a admirarme  tanto da capacidade case oceánica de  traballo que exhibía caladamente como do feito de querer compartir comigo tantas evocacións de Lueiro e doutros capítulos da cidade de Ferrol e da cultura galega.

      Hai un pouco lin na rede a noticia do seu pasamento, xunto cun atinado e xusto obituario de Ramón Loureiro, e agólpanse as lembranzas, sobre todo guiadas polo espírito xeneroso que o definía con naturalidade e que me transmitía como demostran os envíos puntuais da revista Ferrol Análisis  -sen dúbida un dos seus grandes legados-, as invitacións para colaborar nela ou o alento recibido para avanzar en calquera iniciativa aínda máis se estaba nucleada arredor da figura de Lueiro, a quen o uniu unha sólida amizade como se demostra na colaboración no libro de autoría colectiva Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida que lle solicitei e que me enviou decontado.

      Déixanos un pouco máis orfos a morte deste home ilustrado, que nunca quixo protagonismo e que abrazou a xenerosidade e o traballo como lemas vitais, tanto que acudiu aos momentos previos da presentación da miña biografía sobre Celso Emilio en Ferrol tan só para saudarme brevemente pois a saúde non lle permitía xa quedar no acto. Foi a última vez que o vin e sempre lle agradecerei o xesto. Fique aquí a miña lembranza de Luís Mera e o meu abrazo á súa familia e amizades.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: