“Poétic@”, de Fran Alonso (entren, lean, escoiten e vexan)

Este apuntamento non quere ser recensión ningunha pois para facela cómpre ter o ánimo disposto para ler, escoitar e ver con certo vagar, cousa que farei máis adiante. Tan só  quere transmitir unha feliz noticia como é a aparición, logo dun proceso que foi longo e laborioso, dun libro electrónico de acceso libre titulado Poétic@ que subscribe Fran Alonso e que se anuncia acaidamente como  “un paso decisivo para a literatura electrónica en galego”. Eu aínda diría que talvez un paso decisivo para a literatura -e a poesía- electrónica en xeral pois, particularmente, é a primeira proposta tan completa e sólida que coñezo neste ámbito.

    Convido, vivamente, a coñecer os presupostos que fixeron medrar este libro e, sobre todo, a entrar nel  premendo aquí para ler, escoitar e ver, para se divertir e reflexionar, para comezar unha viaxe que percorre as trabes que sustentan a poesía e mais a estética literaria de Fran Alonso.

     Un milleiro de parabéns ao seu autor por posibilitar que habitemos este libro a través das nosas visitas, por permitir que compartamos estas singraduras poéticas, por idear e dotar de contido unha idea fabulosa. Volverei a esta Poétic@ desde este blog: é obrigado.