Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

“Breviario”, en Biblos. Revista Galega de Información Literaria, nº 73

BREVIARIO

1. Este pasado 20 de febreiro naceu a AGC, isto é, a “Asociación Galega da Crítica”, cuxa primeira presidenta é María Xesús Nogueira, profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela, sendo asumida a secretaría por Isabel Mociño, especialista en Literatura Infantil e Xuvenil da Universidade de Vigo. Segundo se recolle nos estatutos fundacionais esta Asociación pretende intervir na análise e estudo da produción literaria, artística e cultural do país e nos debates técnicos arredor dese campo, incluídos factores como as prácticas de lectura e consumo e a institucionalización cultural, ao tempo que non descoidará contribuír á proxección exterior e á internacionalización da produción artística e literaria galega. Como socio fundador todos os meus azos para esta nova plataforma.

2. Ao fío da crítica, do 16 ao 18 de abril a cidade de Pontevedra converterase na capital da crítica a nivel estatal pois a “Asociación Española de Críticos Literarios”, presidida por Ángel Basanta, xuntarase para dirimir os galardóns anuais, entre os que se contan tamén os Premios da Crítica na modalidade de poesía e narrativa en lingua galega. No seo desta estadía dunha estimable representación da crítica literaria das diversas literaturatus estatais realizaranse diversos actos abertos para as persoas interesadas nestes temas: talvez unha oportunidade interesante para intercambiar puntos de vista e comparar a saúde ou febleza da crítica na actualidade.

3. Comeza o tempo dos premios literarios. Aos primeiros, que organiza anulamente a web Fervenzas Literarias, sumaranse pronto os da Asociación Galega de Editores, tamén neste ano acollidos na cidade de Pontevedra. Un pouco máis adiante, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fará o propio, nesta vez, na cidade de Lugo o 9 de maio. A devandita asocación determinou outorgarlle o galardón da Letra E a Xosé María Álvarez Cáccamo, penso que con todos os merecementos.

4. Conclúo con dúas recomendacións: unha apunta a un dos últimos libros que lin e que me gustou especialmente: vén da man dun historiador, Anselmo López Carreira, e titúlase O Miño. Un caudal de historia (Xerais): un traballo de áxil e aleccionadora lectura sobre o noso pasado. A segunda versa sobre unha web –manuellueirorey.com– que sitúa a Lueiro Rey nun ámbito no que estaba ausente: un primeiro paso para outros obxectivos que, estou certo, irán chegando.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: