Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Á busca da orixe perdida das especies, de Cris Pavón

GALARDOADO CO “CARVALHO CALERO” DE NARRATIVA VELAQUÍ UN SUXESTIVO LIBRO DE RELATOS QUE SE ASOMA ÁS VENTÁS INTERIORES DA MENTE HUMANA

pavónCris Pavón

Á busca da orixe perdida das especies

Laiovento, Compostela, 2ª edición, 92 páxinas, 2015, 10 €

 

 

Hai voces que exhíben, na construción técnica do relato, unha habilidade que leva a resultados salientables aínda que as veces carentes de alma. Fariña doutra muiñada é atopar a inspiración para dar cunha temática que arrastre o interese de quen le e que nela se deiten as cumpridas doses de intensidade emocional. Este é o caso, ao meu ver, do libro que Cris Pavón dá a coñecer estes días e que, talvez pola miña querenza polos asuntos da memoria e da identidade, non dubido en cualificar como fascinante.

         Pavón, que publicou hai pouco Sangue 12 e que verá publicada en papel este ano, tamén en Urco Editora, a que foi a súa primeira novela (Limiar de conciencia) de peripecia editorial curiosa, unifica os máis dos relatos deste libro arredor do eixo da memoria, como esta inflúe nas persoas e como determina a conformación da propia identidade, onde o pasado se converte en máis que un impacto, tantas veces un verdadeiro tsunami.

        Articular estes motivos en cinco relatos, todos eles distintos, non é doado e Pavón supera con nota o reto: nun atopamos unha máquina chamada “Proust”, que se adentra na recuperación da memoria beireando un discurso próximo á ciencia-ficción, relato que se dá a man co derradeiro polo ton meta-literario, no que a xeito de ensaio, ou se se quere de notas para a elaborar un conto, xúntase a Proust e a Darwin desde instancias biográficas e creativas converxentes. Nos contos que van polo medio,  levados tamén da man de protagonistas femininas, dotados de finais brillantes e sorprendentes, as primeiras procuran os seus propios espazos na evocación de episodios que, dalgún xeito, esnaquizan as súas vidas, tantas veces sen sabelo.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 13 de marzo de 2015, baixo o título de “Na cerna da memoria“.

Advertisements

Un comentario en “Á busca da orixe perdida das especies, de Cris Pavón

  1. Pingback: Na cerna da memoria | deContado

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: