Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Flash-black 13, de Ramón Caride

Ramón Caride

Flash-Black 13

Urco Editora, 2014, 204 páxinas, 12 €

 

Hai por volta de catro meses recibín, por cortesía de Urco Editora, o que aínda é o último libro de Ramón Caride, autor que admiro, entre outras razóns, pola fidelidade a uns presupostos temáticos -ben precisos para o sistema literario- que abrazou no seu día e polos que segue transitando con convicción até hoxe e que son, basicamente, a novela negra ou criminal e mais aquela na que sobresae a súa filiación coa temática fantástica.

    Non quería deixar pasar máis tempo sen, cando menos, referenciar no blogue esta publicación, titulada Flash-Black 13 -de novo o “negro” tan presente no autor- que compila os relatos abeirados ao xénero do fantástico, na definición aberta e inclusiva que postula o propio autor:

 «unha forma alternativa da realidade que en determinados casos ou circunstancias se manifesta. Non é algo paralelo ao cotián, non algo por riba, nin por debaixo dela, senón algo tanxente ou interconectado con ela, como un fluído que enche os poros da realidade e enchoupa as partículas sólidas do comunmente admitido como real e verdadeiro.»  

      Velaquí, pois, por xunto esas “tanxencias” coa realidade que baten xustamente, desde unha perspectiva allea a heroicismos e outros tics habituais en propostas narrativas de suposto éxito,  con esoutra -posible- cara da propia realidade, enfrontada coas precisas doses de imprevisibilidade e sorpresa, abeirándose, por veces,  a iso que se dá en chamar ficción científica, en ocasións á presenza do sobrenatural ou mesmo rabuñando o distópico,  mais sempre dotando aos  relatos da precisa tensión narrativa que os converte en pezas axustadas e salientables dentro do que en galego se escribiu neste xénero; agás o relato titulado “Foto-Shock”, que resultou posteriormente superado ou imitado pola propia realidade.

       Teño para min que é unha interesante iniciativa xuntar estes relatos de Caride nun único libro. Particularmente coñecía algún deles mentres que outros foron novos para min pero, nun e noutro caso, penso que ningún deles perdeu nin frescura nin interese, e iso resulta ben gozoso.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 19 Marzo 2015 por en Crítica literaria,Literatura galega,Narrativa,Relatos , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: