Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

María Xosé Queizán: “Insólita felicidade” (O recanto das horas, VIII)

"Paseo de Alfonso XII", fotografía de Anxo Cabada

“Paseo de Alfonso XII”, fotografía de Anxo Cabada

 

O recanto das horas é un proxecto interartístico que pretende xuntar un texto literario creado ad hoc, inspirado nas evocacións que un espazo determinado é quen de xerar nunha escritora ou escritor, e unha imaxe fotográfica, realizada ao fío desa proposta textual por Anxo Cabada.

Serie: “O recanto das horas”

Cidade: Vigo

Texto: “Insólita felicidade”.

Autoría: María Xosé Queizán.

Fotografía: Anxo Cabada.

Espazo: Paseo de Alfonso (Vigo).

 

Insólita felicidade

 

Camiño acelerada como unha viguesa. Vou para casa a traballar. Está unha tarde bretemosa de outono. Coincídeme pasar polo Paseo de Alfonso XII no lusco fusco. Sorpréndeme unha posta de sol inusitada. Quen pensar coa aquela brétema pechada? A morte do sol retenme. Un momento intenso. A ría desde que nacín, unha emoción permanente.

 

 

“Insólita felicidade”

Gris contorno, bretemoso e sume
non sume cando do atlántico vén
e no orballo comecei a camiñar,
na punta do pé, baila mariaxosé,
frente ao mar.

 

Lisco perseguida polo tempo.
Lusco fusco fusca.
Lisco acelerada e busco
futuro
lisca nunca chega ávida
a man para rachar a brétema
abrir a vida proseguir
a man para escribir.

 

Quen pensar no sol ao chegar á varanda
paseo de Alfonso XII, onde vas triste de ti?
E velaí asoma inesperado velorio
e me asombra.
Bola inmensa, vermello vello ardor
rachabrétema
fragor heterodoxo puxante, arde derradeiro
Turner no Cabalo Furado das Cíes.
O furado das Cíes nin cabalo co sol ardente
no lombo
pedra asento da incandescente bola
esvarando lentamente do cabalo
na tarde neboenta
arde. Ardo de insólita felicidade.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: