Hai algún tempo solicitáranme un texto que reflexionase sobre a auga e mais sobre a nosa literatura. A proposta resultoume interesante aínda que estaba moi limitada polo espazo que, nun principio, se me concedera. O texto non atopou acubillo na publicación para o que ía destinado e hai un ano o meu amigo Antonio G. Teijeiro incorporouno nunha entrada do seu suxestivo Versos e aloumiños. Souben que hoxe se celebra o Día Mundial da Auga e pareceume acaído deixalo aquí, minimamente retocado, baixo o título orixinal: “A auga e a literatura de nós”.
Cando a literatura de nós amencía, Pero Meogo ideou que unha doncela xustificase a súa demora, diante da súa nai, en base a que ficara celebrando o amor na “fontana fría” pois “os cervos do monte a augua volvían”. Daquel texto aos poemarios Acuática, de Marta Dacosta, ou Chove nos versos, de Antonio G. Teijeiro, por poñer un par de exemplos, dista un mundo mais a auga –a de arriba e a de abaixo como popularmente se di- pervive no maxín de quen creou e crea universos literarios na nosa lingua. Sen a presenza da auga, como ocorre coa Terra, en todas as súas modulacións, dificilmente poderiamos explicarnos, e aínda menos literariamente.
Alén de consubstanciarse connosco ao vivirmos onde vivimos, tópicos fóra, mal se entendería esa neniña gaiteira rosaliana que canta nos Cantares gallegos se en moitos dos días e das experiencias que revelou non chovese; qué dicir daquel “chove, chove na casa do probe” de Celso Emilio ou da choiva como referente case protagónico n´A esmorga de Blanco Amor e, mesmo, da súa presenza nos relatos ofegantes de Méndez Ferrín.
Seica foi Otero Pedrayo quen acuñou a expresión de “Galicia, país dos mil ríos”, non sei se serán mil e nin tampouco temos xa a Cunqueiro para que fabule sobre eles aínda que deixou dito, ben significativamente, que precisamos beber soños coma quen bebe auga. O serpear da auga pola Terra de nós vén do fondo dos tempos e debemos, sempre, contribuír a que siga así para os que veñan detrás nosa. Así se recolle nas nosas letras, porfío que máis alá do puro paisaxismo.
A un, que lle gusta pasear ás beiras sen domear que aínda quedan do río Arnoia pensa, a miúdo, nesta realidade.
Obrigada por esta linda publicação no dia de hoje, Ramón Nicolás. Abraço do Brasil.
Obrigado eu polas túas lecturas e pola difusión. Unha aperta.
Reblogged this on MariaLDario's Blog and commented:
Ética
Por este ‘Dia Mundial da Água’, a Galiza.
Ramón Nicolás