Dos días escuros, de Mª Carmen Caramés Gorgal

Hai por volta de dez meses entrevistaba para este blog a Mª Carmen Caramés Gorgal ao fío de facerse público o veredicto do XVII Premio Johán Carballeira do Concello de Bueu  que galardoara Dos días escuros. Inquirida pola relevancia e a dimensión semántica do título apuntaba que este “quixo reflectir a escuridade, a sombra, o asedio, a soidade, a indefensión das vítimas”.

      En efecto, esta incursión poética gravita arredor de todos estes conceptos, de todas estas realidades e talvez dalgunhas máis. Articulado en función dunha dor tanxible, inflixida no corpo e no ánimo da muller, dótase dunha secuenciación claramente narrativa e graduada que agroma desde os comezos e as conxecturas, pasando polas fases iniciais do maltrato até  que este se recoñece abocado a una conclusión dramática: un final, como no resto do libro, onde a paisaxe metafórica e os espazos percorridos abalan entre o outonizo e a invernía. Os poemas, así, son gume dun escalpelo que percorren cicatrices e que se xeran nunha inequívoca vontade de catarse que só atopa eco, ou resposta, na propia escrita. Revísase a derrota desde un eu lírico confesional, que  rescata, para evidenciar a vontade crítica,  presenzas da muller ao longo da historia que simbolizaron un canon de consecuencias funestas aínda que, nalgunhas ocasións, se acaroe a aqueloutros modelos,  máis íntimos e próximos  que, adoptando a perspectiva do recoñecemento, se homenaxean.

    Un libro que transmite con acerto, talvez, máis que o desasosego a inconcibible realidade do maltrato, da violencia machista sempre execrable pero, día tras día, dolorosa e traxicamente presente.