Celebración
Apiario, A Coruña, 15 €, 2014.
Gonzalo Hermo ofrece no seu segundo libro de poemas un exercicio de escrita entendido como celebración e resistencia.
Se o vento sopra contra as amuras cómpre navegar á bolina, zigzaguéase coa embarcación e, cun chisco de fortuna, arríbase ao porto. Teño para min que isto é o que lle ocorre ao proxecto editorial Apiario que, da man das poetas Antía Otero e Dores Tembrás, estrearon hai uns meses a colección “Cera labrada” cun libro poderoso como é Celebración, de Gonzalo Hermo.
É ben posible que este volume poético perdure no tempo pola sinxela razón de se tratar dun libro compacto, intenso e, sobre todo, por atesourar un universo propio, e non só por alimentarse de imaxes e metáforas, que as hai e ben atractivas, mesmo por veces sorprendentes. Nel adquire tanta relevancia, ao meu ver, o que explicitamente se di como aquilo que se silencia e suxire. Un libro no que agroma, páxina a páxina, «o nervio do poema», enchoupándose de carnalidade a través dun diálogo que percorre seccións, se se quer singraduras de invernía que van desde O cerebro, pasando polo Grao límite do frío ata o epilogal O pracer, aínda que ben poderían estar dispostas ao revés.
Dun ou doutro xeito recréase un mundo pragado de ausencias sen nostalxias que constatan o paso do tempo e que convidan a adoptar unha actitude activa ou participativa, sobre todo alí onde o frío azouta inclemente e se procura un chisco de calor para resistilo e superalo; alí onde a linguaxe é unha ferramenta e non un fin; alí onde lostregan palabras para visibilizar os entullos do noso tempo e construír, de vez, algo novo.
Convido a coñecer esta sólida celebración de vida: a de estarmos vivos pois «Non tememos a morte. / Levámola dentro. / Celebrámolo».
A recensión íntegra, publicada o 10 de abril de 2015 baixo o título de “Onde agroma o nervio do poema” pode lerse tamén no suplemento “Fugas” premendo aquí.
1 Comment
Os comentarios están pechados.