Este vindeiro domingo, 12 de abril, o salón Multiusos de Fornelos de Montes acollerá outro acto para abrazar, unha vez máis, a “causa Lueiro“. O motivo será duplo: por un lado a entrega da terceira edición do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey a Luís Valle polo seu libro Cicatrices de sol e, polo outro, a presentación do libro Lueiro nas coordenadas de Fornelos, que tiven a fortuna de prologar, xunto con Manuel Carlos Lueiro Lores, e de coordinar coa valiosísima colaboración de Carmen Carreiro, responsable da Asociación de Veciños O Cruceiro da Laxe. No acto está prevista a participación do alcalde do Concello, dun membro do xurado, de Luís Valle, das poetas Silvia Pena e Eli Ríos, ademais de Xesús Alonso Montero na calidade de amigo de Lueiro. Será un pracer visitar Fornelos outra vez, aínda máis cando se cumpre o vinte e cinco cabodano do autor de Escolma ferida.