Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Suso de Toro no ciclo “Cara a onde?”: “a nosa é unha literatura enferma de minorización”

Foto El Correo Gallego

Foto El Correo Gallego

Este pasado sábado celebrouse no CGAC a segunda sesión programada do ciclo “Cara a onde?” na que tiven a fortuna de participar. Foi, neste ocasión, Suso de Toro quen protagonizou este encontro que partiu, como é adoito, dun discurso da persoa convidada que se centrou, nesta ocasión e en esencia, en profundizar na “problemática existencial” dunha literatura como a nosa. Combinando claves de carácter persoal, que afondaban en experiencias particulares, con reflexións de índole máis xeneralista o certo é que deixou, ao longo da súa intervención,  un saibo acedo a abalar entre o pesimismo que se deriva da análise pragmática da  situación actual e a ausencia de perspectivas cara ao futuro, mais nun ton inequivocamente realista. O escritor, aseverou, “está nas mans da comunidade”, para continuar que “é un ente que, como ser vivo, quere permanecer, existir, expresar a súa existencia”. A devandita comunidade, isto é, o espectro posible do lectorado en galego determínase pola “ausencia de vontade de ser colectivo” e “pola carencia de apoio social” de onde nace un conflito pois a nosa é unha “literatura enferma de minorización, con todos os estigmas propios desta situación”.

       Tratáronse, asemade, no diálogo co público e cos compañeiros Alfredo Conde, Quique Alvarellos e X. Antonio Silva, numerosos asuntos como foron os relativos á creación, e presenza literaria, en dúas -ou máis linguas-, a desaparición de espazos para o debate, o mundo editorial, a lingua galega no ensino e na sociedade,  o proceso de institucionalización comercial,  a experiencia de subalternidade respecto doutras literaturas próximas, os métodos para exercer a censura ou o cambio de paradigmas que estamos a vivir na actualidade e que afectan á recepción das obras artísticas.

            “Eu precisaba combate  e atopeino”, afirmou ao final da intervención en clave persoal. Oxalá que, como narrador, siga a buscalo, dea con novos retos e sinta a necesidade de envorcalos en palabras.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: