
Asistín onte, no rodopío dunha fin de semana moi intensa, á entrega da terceira edición do premio de poesía Lueiro Rey que recolleu Luís Valle polo seu libro As cicatrices do sol. Como é habitual Fornelos apoiou incondicionalmente tanto a poesía en lingua galega como a memoria de Lueiro nun espazo ateigado de público.
O acto, no que interviron diversas persoas, completouse coa presentación dun novo libro de e sobre o autor d´O sol na crista do galo. Trátase de Lueiro nas coordenadas de Fornelos: un volume editado polo Concello de Fornelos de Montes no que Carmen Carreiro traballou arreo e que significa un paso adiante nese capítulo de reconstruír tanto a memoria do concello no que Lueiro naceu como algunhas das claves, ata agora ocultas, da súa biografía intelectual, cando menos as que se relacionan co espazo no que situou, nas súas palabras, “o reloxo da súa nenez, a súa orixe e a súa inocencia”. A miña gratitude por ofrecerme esta oportunidade de seguir adiante na “causa Lueiro”.