Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

De Díaz Pardo a “O salmón oval”

Rara é a ocasión en que, nalgunha visita, motivada por cuestións quer de traballo quer por outra razón semellante, non teña a sorte de recibir algún agasallo en forma de libro, revista ou opúsculo. Así foi en Fornelos, este domingo pasado, onde un amigo me achegou un exemplar dunha digna plaquette na que, baixo o título de Pombas e mazás: Palabras  para Isaac Díaz Pardo no III cabodano do seu pasamento  e editada pola A.C. Irmáns Súarez Picallo, se recollen algunhas das intervencións que se produciron no seo dun acto de lembranza celebrado no cemiterio de Boisaca o 11 de xaneiro pasado e  organizado pola Academia Real Isaac Díaz Pardo. O caderno, un número extraordinario datado significamente o 14 de abril, compila algunhas das intervencións persoais que se desenvolveron no devandito acto e que van desde as de Carmen Blanco pasando polas de Modesto Hermida, Claudio Rodríguez Fer, Antonio Alonso Fontán, Inés Canosa, Henrique Monteagudo, Antón Pulido e Xesús Alonso Montero, entre algunhas outras. Beizón, pois, por manter aceso o lume da memoria dun grande como foi Isaac Díaz Pardo.

     Outro agasallo que moito valoro, pois entendo que se trata dun significativo paso dado no que debería ser o avance da normalización da lingua galega en campos específicos nos que estaba ausente, é a revista O salmón oval, subtitulada “Rugby en Pontevedra”, que eu saiba a primeira revista de carácter informativo, redactada integramente en lingua galega, arredor deste deporte. Promovida polo Concello de Pontevedra e baixo a a responsabilidade, como editor, de Isaac Xubín, dá xenio lela, sexa maior ou menor o interese que poida suscitar este deporte, polo atractivo deseño e pola pluralidade de contidos, incorporándose mesmo unha páxina de creación cun magnífico poema, nesta ocasión, de Elvira Ribeiro. Deséxolle unha boa andaina, pois ben a merece, a esta publicación.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: